La ilusión conyugal en la Temporada de Teatro Afundación en Vigo
O Teatro Afundación Vigo acollerá mañá, xoves 1 de febreiro ás 20.30 h, no marco da súa Tempada de Teatro, a representación da obra La ilusión conyugal, dirixida por Antonio Hortelano e interpretada por Álex Barahona, Ángela Cremonte e Alejo Sauras. Unha tarde, María espera polo seu marido Maxi para facerlle unha proposta. Cando chega, dille que lle gustaría que fixesen un xogo para saber en que punto se atopa a súa relación despois de tantos anos de monotonía. O xogo consiste en saber a cantidade de amantes que tiveron durante o seu matrimonio. O tema vaise complicando e aos poucos comezan a poñer encima da mesa todas as miserias, mentiras e infidelidades das que foron obxecto durante a súa relación ata conseguir tirar por completo con esa máscara que levaban na cara e amosárense como de verdade son o un fronte ao outro.
A tempada encádrase no programa solidario «Cultura por Alimentos», levado a cabo en colaboración con FESBAL. Así, os asistentes poderán doar alimentos non perecedoiros depositándoos nos lugares habilitados para eles no acceso ao edificio. Todo o recadado será doado ao banco de alimentos local.
OBRAS DA TEMPADA DE TEATRO AFUNDACIÓN EN VIGO
La Celestina, de Fernando de Rojas, versionada por Eduardo Galán, será a terceira produción da tempada. Poderase ver o xoves 22 de febreiro, baixo a dirección de Antonio C. Guijosa e cun elenco formado por Anabel Alonso, José Saiz, Víctor Sainz, Claudia Taboada, Beatriz Grimaldos e David Huertas. Calisto, un mozo nobre, namorou de Melibea, pero ela rexéitao. Aconsellado polo seu criado, pide axuda a unha casamenteira para conquistala. A través de artimañas, Celestina consegue que Melibea namore del. Unha vez conseguido o obxectivo, aparece o drama: os criados de Calisto matan a Celestina porque se nega a repartir o beneficio con eles. Pero eles tamén son executados e, mentres, os namorados non teñen tempo de gozar do seu amor: Calisto falece nun accidente e Melibea acaba coa súa propia vida.
O mércores 20 de marzo representarase Hechos y faltas, adaptada e dirixida por Bernabé Rico e interpretada por Antonio Dechent, Gonzalo Hermoso e Ángeles Martín. Os autores do texto Jeremy Kareken, David Murrel e Gordon Farrell convidan o espectador a reflexionar sobre a veracidade e a narrativa das noticias que lemos ou escoitamos a diario nos medios, en ocasións alterando e deformando a nosa percepción e coñecemento do mundo.
El novio de España é a seguinte obra, que sairá a escena o xoves 25 de abril. Ano 1952. Tras a Guerra Civil, os exiliados políticos non poden regresar. O recoñecido cantante vasco Luis Mariano está a rodar un musical que protagoniza xunto a Carmen Sevilla. Os dous teñen unha entrañable amizade que non se pode converter en amor polas preferencias sexuais del. Pero Luis está disposto a «heterosexualizar» a súa imaxe e pídelle á actriz que case con el. Ten unha poderosa razón: os seus pais, republicanos exiliados, queren regresar ao seu país, e se para que iso ten que renunciar a si mesmo, farao. Carmen négase a participar nun matrimonio por conveniencia, pero axudarao. O 18 de xullo, nunha festa de Franco, é o momento perfecto.
Isabel Ordaz e Marcial Álvarez estarán en Vigo o xoves 9 de maio para representar La profesora, de Eduardo Galán, baixo a dirección de Carla Nyman. A través da comedia, a obra toca cuestións coma os límites da educación, o poder redentor da cultura e a dificultade da sociedade para aceptar a diferenza e superar os roles de xénero. Ortiz, un peixeiro dun supermercado duns 50 anos, acode a unha titoría para solucionar a situación da súa filla Daniela. O primeiro encontro coa titora, América Alcalá, unha muller de case 65 anos que non se quere xubilar por medo á soidade, resulta un verdadeiro asalto de boxeo.
Finalmente, Lolita Flores poñerá o broche á tempada con Poncia, de Luis Luque (a partir de La casa de Bernarda Alba de García Lorca). Será o mércores 5 de xuño. Dentro dunha tormenta de néboa, Poncia, a criada de Bernarda Alba, reza pola morte de Adela. A casa sumiuse nun mar de silencio. Poncia fala soa e tamén con elas, con Bernarda Alba e as súas fillas.