Actuacións solidarias e interxeracionais do grupo de guiñol do Espazo +60 Coruña en decembro

O grupo de guiñol "La Tarara" do Espazo +60 Coruña programa dúas actuacións no mes de decembro cun musical preparado especialmente para a ocasión:
- Luns 11 de decembro ás 17.00 horas na Residencia de Maiores Obra de Nosa Señora.
- Xoves 14 de decembro ás 11.45 no Centro de Día AFACO (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer), nunha sesión interxeracional conxunta coa Escuela Infantil de As Roseiras e usuarios do Centro de Día da Asociación.
"La Tarara" creouse en 1993 por iniciativa dun grupo de socios e socias do Espazo +60 que tiñan gusto polo teatro e pola artesanía. Desde os inicios os integrantes do grupo fabrican os seus propios bonecos e todo o seu atrezzo de forma manual. Así, constitúen verdadeiras obras de artesanía en sí mesmas.
Este grupo orientou os seus repertorios e enfocou as súas actuacións a fins sociais e solidarios, con visitas a hospitais, escolas infantís, residencias e centros de día.
Esta iniciativa forma parte do programa de voluntariado "O valor da experiencia" da área de Envellecemento Activo de Afundación, que ten como finalidade potenciar o papel activo das persoas maiores na sociedade, favorecer o desenvolvemento de accións interxeracionais e de voluntariado.