CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS 2023 coa Real Filharmonía de Galicia e Brais González Pérez en Vigo

Canda o Consello da Cultura Galega (CCG), e a Real Filharmonía de Galicia (RFG) organizamos a décima terceira edición do CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS o 16 de maio, en vésperas da celebración, e no Teatro Afundación de Vigo.
As túas entradas de balde AQUÍ
Desta volta, o compositor Brais González Pérez arranxa o recital e estrea a Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada por el expresamente para a ocasión, a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Illa Couto; tamén destaca a interpretación de A miña burriña, peza moi prezada por Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010) a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O concerto será realizado a cargo da RFG e o Coro Rías Baixas.
En palabras de Brais González, a Sinfonietta que se estrea «ten 2 movementos corais e un instrumental e están vencellados a don Paco a través da música e dun dato biográfico, que é o feito de que el mesmo ten declarado en numerosas ocasión que a súa melodía popular favorita é A miña burriña». Para o traballo de composición, fixo tamén un labor de reestruturación de estrofas e versos a partir do texto de Salvador García Bodaño. «O resultado final é que, cos cambios, a mensaxe pasaba de ser algo tremendamente individual a algo moi da terra. É un canto final a don Paco e a Galicia».
Este concerto xira arredor de dúas ideas: dunha banda, a importancia que Fernández del Riego lle deu á música, especialmente a popular; e, da outra, nunha homenaxe ao contar cun programa que está pensado coma unha síntese dos seus gustos musicais. O homenaxeado desta ocasión foi un home aberto, que coñecía o que se estaba a facer musicalmente no país e tiña unha especial predilección pola música tradicional. De neno, a súa avoa, que tocaba a guitarra, cantáballe cantigas populares que formaron unha parte destacada da súa personalidade. Pero del Riego tamén coñecía os grandes compositores da música clásica por uns veciños de Lourenzá que tocaban o piano.
O concerto comezará coa Suite Vigo do compositor Reveriano Soutullo (Ponteareas, 1880 - Madrid, 1932). Deseguido, Concerto grosso, escrito en homenaxe a Bach (1951) por Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Madrid, 1993), nunha clara conexión entre o papel de del Riego co que se estaba a escoitar no seu contexto. A terceira peza é a estrea da peza composta para a ocasión.