Concertos SIMULTÁNEA, nas sedes Afundación
Concertos simultáneos nas sete salas de exposicións de SIMULTÁNEA co gallo do Día da Música, o 22 de novembro.
Reserva as túas entradas de balde AQUÍ. Ataquilla.com
As salas de exposicións pecharán ás 19.00 h. A partir desa hora, só poderán acceder as persoas con entradas para os concertos.
Sede Afundación A Coruña | PAVA
PAVA é a proposta musical da poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. Un directo pegadizo e honesto que vai da psicodelia ao pop. Nos traballos discográficos de Aldao sobrevoan as sombras de xigantas como PJ Harvey. A personalidade da súa voz e a forza das súas letras orbitan na elipse das novas voces femininas xurdidas do outro lado do Atlántico. PAVA 3 é o terceiro EP que ve a luz no mes de novembro.
Sede Afundación Ferrol | SOFÍA ESPIÑEIRA
Sofía Espiñeira crea composicións orixinais que beben da raíz, maridando o latexo das músicas do mundo e da canción de autora máis íntima e espida. Tras o camiño feito nos escenarios co seu disco debut Alá onde agroman as herbas, Sofía Espiñeira inicia a súa segunda viaxe musical: Xeografías.
Raposa é unha formación pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad. Un proxecto consolidado sobre un cimento de corda pulsada, onde a versatilidade e virtuosismo de ambos compoñentes sobrevoa paisaxes batuxadas por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución rebosante de matices e delicadeza. O material sonoro desprende equilibrio e proporción, música orixinal que evoca harmonías pretéritas, exóticas e vernáculas; unha confección acústica concibida como ofrenda e reivindicación do honesto e fermoso da natureza humana e da música como ferramenta de cambio social.
Café Moderno Afundación Pontevedra | ANXO ARAÚJO
O músico pontevedrés Anxo Araújo presenta o seu segundo traballo discográfico Aprender a bailar. Unha proposta de melodías pop que se achega ao lado máis luminoso do artista. Reminiscencias do folk e da música tradicional nos marcos das cancións e unha temática que vai do íntimo e máis persoal ao social e comunitario. Un traballo cheo de sensibilidade que procura asilo nos ritmos de baile e na súa elegante voz.
Sede Afundación Vigo | ABRIL
Abril é tradición renovada; sons de raíz en harmonía co presente. Un microcosmos folclórico no que as identidades converxen e crean comunidade. Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura.
Sala de Exposicións Afundación Ourense | MAGÍN BLANCO
Magín Blanco é un dos máis coñecidos creadores de propostas escénicas para público familiar no panorama actual galego. Creador de A nena e o grilo (OQO 2011) A nena e o grilo nun barquiño (Fol música 2013), e outras composicións que forman parte de edicións como María Fumaça (Ed. Galaxia 2012), Rosalía Pequeniña (Ed. Galaxia 2013), Canta o Cuco (Ed. Galaxia 2014), Gatuxo (Ed. Fol música 2015) ou Camiños (Ed. Fol música, 2017). Despois do éxito acadado co espectáculo A nena e o grilo nun barquiño, co que realizou máis de un cento de actuacións durante a súa xira, consolidándose como a proposta escénica infantil con maior repercusión nos últimos anos en Galicia.
Sede Afundación Lugo | SON DE CORDA
O cuarteto vocal Son de Corda conta cun piar básico, ter un amplo repertorio lusófono e, para iso, están en contacto con compositores e arranxistas co fin de «actualizar» a música medieval galega, tradicional e de autoría.
Coñece todo sobre o noso macroproxecto expositivo SIMULTÁNEA AQUÍ.