DÍA DA INFANCIA 2024, nas Sedes Afundación
O Día Internacional da Infancia representa e reivindica os dereitos das nenas e nenos na vida, educación e saúde, facendo fincapé na dignidade persoal. Co gallo de celebrar estes valores para a infancia, coma cada ano, desde Afundación, Obra Social ABANCA, traemos un programa de artes escénicas para familias en todas as nosas sedes.
Estas actividades forman parte do programa solidario CULTURA POR ALIMENTOS, en colaboración con FESBAL, polo que o acceso a cada un dos concertos será mediante a doazón de alimentos infantís, que irán destinados ao Banco de Alimentos local.
Toma nota a seguir dos diferentes espectáculos, localizacións, datas e horas:
CONCERTO SINGULAR (Píscore Teatro)
Sede Afundación VIGO | 23 NOV 2024 | 12.00 h | Entradas AQUÍ
Sede Afundación PONTEVEDRA | 23 NOV 2024 | 18.00 h | Entradas AQUÍ
Sede Afundación A CORUÑA | 24 NOV 2024 | 12.00 h | Entradas AQUÍ (Entradas esgotadas!)
Que pasa cando convocas a catro grandes solistas para un só concerto? Catro prestixiosos músicos fronte a un gran conflito: 16 baquetas e unha soa marimba. Están dispostos a facelo soar da maneira máis orixinal e impactante. Organizarse xa non será tan doado...
Píscore tráenos a mellor música e moito humor para un concerto único nunha proposta que se enmarca na liña de grandes espectáculos que mesturan o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público.
Hai moita xente que coñece os tres porquiños, famosos no mundo dos contos, mais case ninguén coñece a historia dos seus pais e de como medraron entre as árbores da montaña galega. Todo isto seino porque mo contou a avoa Carmela, que moitas cousas sabía de contos de sempre. Ela, a avoa Carmela, tiña un traxe de superheroína que parecía o mandil negro de viúva. Cando tiraba dun dos seus petos un bocadillo de mortadela, había un conto para a nena. E unha tarde, decidiu contar a verdadeira historia da familia dos porcos, onde por certo, hai unha porquiña brillante, con ollos de moucho e bicha coma un allo.
É unha sesión de contacontos orais, con música e obxectos en vivo, onde o fío condutor é a concienciación medioambiental, ao tempo que revisita un conto clásico a través dos lentes morados da igualdade.
Sede Afundación LUGO | 23 NOV 2024 | 18.00 h | Entradas AQUÍ
Un espectáculo en que a participación activa do público e unha alta porcentaxe de improvisación colectiva son os ingredientes fundamentais. Dúas personaxes, Mon e Pe, achéganse ao público para contar diferentes historias populares onde os lobos son os protagonistas. Facendo unha escolla ao "azar" das propostas: Carapuchiña Vermella, Os tres porquiños, Pedro e o Lobo, Os sete catritiños... proporemos interpretar estes contos coa axuda dos nenos e nenas do público. Ao participar na dramatización, traballamos en valores como a escoita activa, a empatía, comprender outros puntos de vista... e todo de xeito lúdico e desde o teatro. Ao realizar os contos guiados, enfatizaremos a importancia da colaboración para que a historia funcione e aprender delas as mensaxes que transmiten: axudar e cooperar como forma de construír conxuntamente unha peza teatral.
Sede Afundación SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23 NOV | 12.00 h | Entradas AQUÍ
Mariña é unha moza á que lle gusta moito o mar e os animais que nel viven. Todas as tardes, somérxese na auga para xogar cos peixes. Hai un que é moi especial. O seu nome é Xarda. Un peixe que fala e conta historias sobre como é a vida nas profundidades mariñas e tamén sobre os seus perigos. A loita contra a contaminación, a amizade e o respecto son temas que están presentes nesta sesión de contacontos que combina narración oral e o teatro de monicreques.
Sede OURENSE | 23 NOV 2024 | 12.00 h | Entradas AQUÍ
Sesión de narración oral na que o noso protagonista, Tone Martínez, falaranos dos diferentes bechos que hai na nosa natureza e como son fundamentais para preservar o noso medio ambiente.
Respecto ao medio ambiente, coidado dos animais, a amizade ou os prexuízos son temas que están presentes en "Entre bechos anda o conto". Un espectáculo que combina a narración oral co teatro de monicreques.
Aproveita para visitares a axenda web e saber de todas as propostas culturais que che ofrecemos ao longo do mes e tamén na nosa ticketeira Ataquilla.com para outras actividades escénicas.