Mostra GALICIA FUTURA. TODO O QUE IMOS SER na Coruña
Como imaxinas a Galicia Futura? Esta exposición sae á procura de respostas a esta pregunta a través dun suxestivo diálogo entre arte e ciencia, entre tecnoloxía e creatividade.
VISITA GUIADA INAUGURAL canda o comisariado | 17 XUÑ | 19.00 h
Inscríbete AQUÍ de balde! [COMPLETA!]
DÉBORAH GARCÍA BELLO e MIGUEL ÁNGEL CAJIGAL VERA | comisariado
Agora tamén podes vela a xeito de VISITA VIRTUAL! Clica no botón da esquerda.
A mostra toma o pulso do presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa comunidade en diferentes campos. Explora así un futuro desexado e posible, partindo do traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda.
"Galicia Futura. Todo o que imos ser" afonda tamén no noso pasado para identificar comportamentos e procesos que constrúen o futuro, poñendo o acento nunha escolma de pezas destacadas que representaron no seu momento un pulo decidido cara ao futuro en diversos eidos.
Amosar o que se está a facer desde distintas áreas do coñecemento, facer visible como as conexións entre os diferentes campos do saber nos permiten comprender a súa progresión, e procurar as claves e estratexias que están a configurar o porvir de Galicia son os obxectivos dunha mostra viva, que quere transcender as paredes da sala de exposicións e impulsar procesos creativos propios. Por iso se exhiben pezas artísticas creadas especificamente para este proxecto por destacados nomes das artes plásticas, as letras, o audiovisual, a ciencia, a escena, o deseño ou a música en Galicia, que contribúen á visión diversa e coral que tenta ofrecer a exposición.
Un dos puntos destacados da exposición son a serie de obras realizadas en exclusiva por distintos creadores e creadoras galegas. Entre elas, atópase a peza audiovisual exclusiva que comparte título coa propia mostra, rodada por Óliver Laxe nos Ancares, ou o Campo de figos co que a dramaturga Marta Pazos sorprende as persoas visitantes cunha instalación envolvente na que reflexiona sobre feminismo, futuro e identidade. A arte hipertecnolóxica do creador galego afincado en Singapur Rubén Ramos Balsa é outra das protagonistas, coa obra Travesía inspirada na paisaxe galega e no Camiño de Santiago.
O diálogo entre diferentes disciplinas artísticas é tamén nexo común entre varias das pezas creadas para esta exposición, entre as que poderemos atopar desde un espazo que mestura vídeo, fotografía e pintura ―con tres destacados creadores galegos como son o cineasta Juan Lesta, o fotógrafo Damián Ucieda e o artista plástico Vítor Mejuto― ou unha peza audiovisual que reúne o talento da poeta Estíbaliz Espinosa, a realizadora Lucía Estévez e o físico Carlos Salgado na creación dunha abraiante obra capaz de entretecer a exploración do cosmos coa pintura de Maruxa Mallo.
COMISARIADO E COMITÉ ASESOR
Deborah García Bello (A Coruña, 1984), @deborahciencia, é química e divulgadora científica. Investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e é parte do equipo de formación e transferencia científica de L'Oréal. Traballa tamén como divulgadora en diversos programas de televisión e radio a nivel autonómico e nacional.
Miguel Ángel Cajigal Vera (A Coruña, 1981), @elbarroquista, é historiador da arte e divulgador cultural. É parte do equipo educativo da Fundación Cidade da Cultura e dirixe o Mestrado en Educación en Museos e Espazos Culturais da Universidad Miguel de Cervantes. É membro do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) e do Consello Internacional de Museos (ICOM) e colabora como divulgador con diversos medios de comunicación galegos e estatais.
O proxecto expositivo contou, ademais, cun amplo comité de colaboradores, conformado por 19 persoas entre as que se atopan algúns dos artistas e científicos con máis talento de Galicia, desde a catedrática en telecomunicación Edita de Lorenzo, a cantante e compositora Wöyza, a chef distinguida cunha Estrela Michelin Lucía Freitas, o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías Carlos Salgado, ou a deseñadora Nuria Carballo, entre outros.
Producida pola Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 21-22.