Co obxectivo de documentar o extraordinario momento histórico que nos tocou vivir co confinamento xeral da poboación (15 de marzo ao 15 de xuño de 2020) presentamos o proxecto dual Miradas desde o confinamento que se apoia en dúas exposicións diferentes:
A que nos ocupa, Primavera tras a ventá, na Sede Afundación A Coruña. Recolle a mirada doméstica, neste caso, de particulares que acudiron á chamada do Álbum Covid de Afundación e compartiron a historia do confinamento de portas cara adentro. A vida detida nos fogares e plasmada en imaxes en que as emocións afloran e a creatividade e sensibilidade se mesturan en fotografías cargadas de mensaxe.
Galicia en vilo. Exposición de rúa que aborda o confinamento a través da mirada dos profesionais da imaxe, eles tomaron o pulso ao que estaba a suceder en rúas, hospitais, estradas, dando testemuño daquilo que non puidemos ver desde o confinamento. A súa mirada convérteos en testemuñas e notarios da Historia.
A EXPOSICIÓN A chegada do Covid-19 ás nosas vidas e o longo confinamento ao que nos vimos abocados, supuxo para todos, como individuos e como sociedade, unha fenda nas nosas rutinas e transformacións en todas as esferas da nosa vida, unhas temporais e outras definitivas, que nos obrigaron a traballar doutra maneira, a aprender doutra maneira, a relacionarnos doutra maneira, e a construír, con todo iso, unha vida diferente na que nos vimos inmersos sen transición.
Co obxectivo de documentar, e divulgar, estas situacións familiares, laborais, sociais, sanitarias ou vitais, vinculadas ao período de confinamento desde unha mirada doméstica, decidimos lanzar no verán a iniciativa Álbum Covid aberta á participación cidadá.
As fotografías que son parte desta exposición foron enviadas por particulares para contarnos a súa experiencia e compartir connosco as emocións vividas en primeira persoa durante o período de confinamento. O percorrido acompáñase con textos da articulista Inma López Silva nos que envorca as súas reflexións sobre este intenso momento da nosa historia.
A exposición está formada por 34 fotografías, seleccionadas de entre as recibidas na plataforma online Álbum Covid. Para abordar a selección contouse co asesoramento do fotógrafo Javier Teniente (gañador en dúas ocasións do prestixioso Premio Internacional Luís Valtueña de Fotografía Humanitaria, o Premio Galicia de Comunicación, e Mención especial nos Premios Ortega y Gasset de xornalismo).
As fotografías seleccionadas dan testemuño da pluralidade de perfís participantes, con autores que van desde os 17 ata os 73 anos. Todos eles comparten cos visitantes á exposición imaxes particulares, pero que nos representan a todos a través das múltiples emocións que afloran en cada escena retratada: a tenrura e a dureza de coñecer un neto a través dun cristal, de asomarse á xanela, buscando saír coa mirada das paredes de todos os días, a inocencia encerrada buscando como encher os días, a imaxinación como motor do entretemento, o aplauso das 8, ou a provisión de papel hixiénico como comezo da etapa, entre outros moitos temas, emocións e reflexións.
Podes seguir participando no ÁlbumCOVID enviándonos as túas fotografías.
Exposición con todas as medidas de seguridade pertinentes para que poidas volver gozar da arte e a cultura como o fixeches sempre.
MEDIDAS DE PREVENCIÓN COVID
- Uso obrigatorio da máscara
-Control de capacidade -Itinerarios e percorridos marcados para fluidez de público -Xel hidroalcohólico en múltiples puntos dos edificios e salas -Desinfección rigorosa de espazos -Substitución de elementos táctiles e de man (pantalla, interactivos, folletos) por outros que non requiren contacto físico -Supervisión en sala por parte de persoal para o cumprimento da distancia de seguridade