Exposición O NOSO PLANETA de Netflix en Boiro

En colaboración coa plataforma audiovisual Netflix, traemos a exposición «O noso planeta», baseada na serie homónima e coa participación de David Attenborough. Este traballo fotográfico tenta concienciar sobre a problemática á que se enfronta o planeta pola acción do ser humano: plásticos, encoros, quecemento global, contaminación, etc. Mergullámonos na beleza natural do planeta Terra para reflexionar sobre o impacto da nosa actividade, así como sobre a necesidade inminente de incorporar a sustentabilidade á nosa forma de vida. Unha exposición con imaxes sorprendentes, elementos audiovisuais e interactivos, realidade virtual e unha mensaxe imprescindible.
Estruturada en oito bloques, a exposición incide na importancia do coidado e do respecto cara ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. A partir do documental que a plataforma audiovisual Netflix produciu para a televisión, e que bateu todos os records de audiencia da plataforma, Afundación e Planeta, editora do catálogo, presentamos esta exposición.
«Mundos de xeo», «Auga doce», «Praderías», «Desertos», «Bosques», «Selvas», «Litorais» e «Alta mar» son as oito divisións nas que se ilustra a biodiversidade do noso planeta, acompañadas por textos que contextualizan cada ecosistema en clave divulgativa a través de aspectos biolóxicos, ecolóxicos, de sustentabilidade ou curiosidades da natureza.
Ás espectaculares imaxes do planeta súmase unha curtametraxe de animación chamada LEMON producida pola Fundación Reina Sofía, un audiovisual chamado “Que podo facer eu” co que o visitante poderá coñecer as pequenas accións que na nosa vida diaria podemos achegar á sustentabilidade dos ecosistemas, e outras sorpresas.
«Esta é a exposición máis importante que verás este ano, calquera ano, porque contén o problema máis importante ao que se enfronta a humanidade». David Atthenborough na publicación O noso planeta.
ACTIVIDADES EDUCATIVAS
14 e 15 NOV 2022
INFANTIL A 3º PRIMARIA | VISITA OBRADOIRO | «Patas peludas, peludas patas»
4º PRIMARIA A 2º ESO | VISITA OBRADOIRO | «A sangue frío... »
3º, 4º ESO, BACHARELATO E CF | VISITA OBRADOIRO | «O noso planeta»
1 €/ ESCOLAR
Información e reservas en areaeducativa@afundacion.org
CATÁLOGO:
NUESTRO PLANETA de Alastair Fothergill e Keith Scholey | MERCAR
Esta exposición enmárcase na iniciativa CULTURA POR ALIMENTOS que levamos a cabo en colaboración con FESBAL e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Colabora, achegando a túa doazón de alimentos non perecedoiros cando veñas ver a exposición.
AQUÍ máis información.
Actividade Xacobeo 21-22