Exposición VIAXANDO. Coleccións de arte Afundación e ABANCA, en Baiona
Co verán, a nosa exposición de rúa «VIAXANDO. Coleccións de Arte Afundación e ABANCA» sae en movemento polas diferentes localidades galegas. Unha proposta que amosa pezas das Coleccións de Arte Afundación e ABANCA que convidan a viaxar, ben por Galicia, ben arredor do mundo. A cronoloxía das pezas vai desde finais do s. XIX ata a actualidade, e cada unha delas vai acompañada dun texto divulgativo escrito pola crítica de arte Mercedes Rozas. O concepto do proxecto é a viaxe, que sempre supuxo unha procura de bagaxe intelectual, un desexo de experiencia e un xeito de descubrir novos rumbos para a produción artística.
Goza de viaxar, tamén a través da arte! Visita a nosa mostra ata o 6 de agosto nas rúas de Baiona.
Hai séculos que as e os artistas viron na viaxe un motivo para a creación, é a necesidade da evocación que leva a fixar a representación dos territorios que visitan en debuxos, gravados, cadros ou fotografías. En Galicia, primeiro, foron abondas as persoas da arte subvencionadas polas Deputacións Provinciais que se trasladaron, no século XIX, a Italia e Francia co fin de se formar, retendo non só a experiencia da aprendizaxe, senón a imaxe dos encontros que vivían. Máis tarde, á marxe da «viaxe» forzosa da emigración e o exilio, a xente creadora rastrexou a mundoloxía do coñecemento de novos lugares coma unha experiencia frutífera, derrubando os límites do seu propio espazo persoal e profesional.
Pasaron décadas en que a viaxe supuxo unha procura da bagaxe intelectual, un desexo de experiencia e unha forma de descubrir novos rumbos para a produción artística. Artistas da pintura e a fotografía captaron os rañaceos neoiorquinos, as táboas coránicas en África, a India coa imaxe da muller, Siena baixo a vehemencia da pincelada e ata o frío Ártico, modelado co fume quente. Deste xeito, convertéronse en notarias e notarios dunha mensaxe que chega desde alén das nosas fronteiras.
De igual xeito, a mostra convídanos a facer a nosa propia viaxe, a deixar voar a nosa imaxinación e percorrer as rúas, os campos e saborear as atmosferas e as sensacións que evoca cada imaxe. Toda viaxe implica unha aprendizaxe, un pequeno ou gran cambio na persoa que o protagoniza, e ese cambio achéganos máis cara a humanidade e a prosperidade da nosa sociedade.
Dicía o poeta francés Paul Valéry que «a natureza é unha personaxe que aparece baixo mil máscaras»; neste caso, o abano estilístico é tan amplo e diverso que permite, a través desta selección de Afundación, imaxinar «as mil máscaras» dunha viaxe figurada polo mundo.
Mercedes Rozas, crítica de arte
Esta mostra encádrase dentro do proxecto CORRENTE CULTURAL, unha aposta de ABANCA e Afundación para espallar cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.