Mostra: «Auga. O sangue da terra». Manuel Valcárcel. Pontedeume
Do 5 ao 29 de decembro podes visitar en Pontedeume, na Sala I da Casa da Cultura (Paseo de Raxoi, s/n), a mostra «Auga. O sangue da terra», unha fascinante colección de fotografías que nos leva por numerosos puntos do planeta na busca do ben máis prezado: a auga. Manuel Valcárcel é o autor deste coidado proxecto con que pretende enfocar un factor vital para o funcionamento do globo e que pasa desapercibido en occidente.
Inauguración e visita guiada | 5 DEC. | 18.00 h
Coa colaboración do Concello de Pontedeume, canda ABANCA e Afundación Obra Social ABANCA.
ACTIVIDADES PARA ESCOLARES
- A auga e a vida, a vida e a auga. Infantil a 3º de primaria
- Lume, terra, auga e aire. Os catro elementos. 4º de primaria a 2º de ESO
- Auga, o sangue da terra. 3º, 4º de ESO, bacharelato e C.F.
De balde
PONTEDEUME | 5 a 29 de decembro 2019
Casa da Cultura, Paseo de Raxoi, s/n
[email protected] | 986 333 210
Este proxecto fotográfico de Valcárcel quere concienciar a poboación sobre a importancia do uso racional e responsable da auga. Para conseguir as impactantes imaxes viaxou a algúns dos recunchos máis remotos do planeta azul: Nova Zelandia, o río Ganxes, as plantacións de arroz da China, Níxer ou o deserto de Atacama, así coma ao lucense río Lor, onde a presenza ou a ausencia da auga determinou culturas, paisaxes e ecosistemas.
Manuel Valcárcel transmite a súa mensaxe: «A auga, elemento vital ao que quixen render humilde homenaxe en comparación co que representa, parte de todo o que somos e todo o que crea. Elemento vital que debe ser motivo de unión e xamais de discordia. Elemento que debemos coidar e protexer porque marcará o devir das xeracións vindeiras, porque quen somos os seres humanos para crernos por enriba da nai natureza?, que escultura existe tan fermosa coma, por exemplo, a elaborada pola auga na praia das Catedrais na costa lucense?, ou que viaxe máis sinxela e á vez máis trepidante, cá dunha folla caendo ao río, deixándose arrastrar pola súa corrente ata chegar ao mar?».
As imaxes da mostra distribúense en tres bloques:
Os estados da auga recolle fotografías tomadas en Nova Zelandia e Galicia. No primeiro caso o traballo centrouse en plasmar o paso da auga en estado sólido a líquido e, ao mesmo tempo, os puntos de unión entre a montaña e o mar. O leito do río Lor, no Courel, é o protagonista galego: "Neste caso tentouse plasmar visualmente os cambios que ofrece un río ao longo do ano. Non só como fluxo de auga senón, especialmente, coma a materia que crea recunchos, texturas, cores que van cambiando co paso das estacións".
A auga e a vida sitúa a ollada sobre Asia, en dous lugares diferentes. Un deles é Varanasi, Río Ganxes, na India, onde a auga é algo máis ca materia en calquera estado. O Ganxes forma parte da vida espiritual dos hindúes; por iso é un lugar de peregrinación ao que se achegan multitude de persoas a se somerxeren nas súas augas durante a súa vida e a fundirse con elas, na súa morte. O outro lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga ten dado lugar a unhas paisaxes marcadas pola actividade humana. Alí as ladeiras reconstruíronse, cubertas na súa totalidade por terrazas en que se cultiva o arroz.
Vivindo na escaseza ocúpase da escaseza e ausencia da auga. Para iso seleccionáronse outros dous lugares, un en África, concretamente en Malí e outro en América, en Chile. No primeiro caso, plásmase a vida dos pescadores Bozo que, aproveitando a época seca, recollen todo o pescado que poden no río Níxer para ilo vender polas aldeas. No segundo caso, optouse pola rexión de Antofagasta, no Deserto de Atacama, onde a actual ausencia da auga propicia a existencia dunha paisaxe lunar.
Esta mostra encádrase dentro do proxecto CORRENTE CULTURAL, unha aposta de ABANCA e Afundación para espallar cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.