Exposición CASTELAO GRAFISTA (FACSÍMILE) en Ponteceso
Caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, A Coruña, 1886 – Bos Aires, 1950) constitúe o foco desta mostra que reúne unha ampla selección das múltiples facetas desenvolvidas por el. A intención deste proxecto é divulgativa, amosando a obra e o pensamento dun dos creadores galegos máis singulares en países dos cinco continentes.
COMISARIO | Miguel Fernández-Cid
Agora tes a oportunidade de visitar a exposición desde aquí. Clica na VISITA VIRTUAL.
A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA; tamén obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Así e todo, pódense ver 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas. Ademais, tamén se pode ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.
(...) Castelao realiza comentarios gráficos descritivos da realidade e costumes galegos, pero pronto a súa obra adquire un ton de compromiso –ético,social,político– que nunca perderá, ata converterse nun dos principais ideólogos do pensamento nacionalista.Como figura central da cultura contemporánea galega e como auténtico impulsor dun proxecto nacional, propio e distintivo, non se é ecuánime perante Castelao, ao que con frecuencia se lle esixe máis que a ninguén, esperando que estea sempre na excelencia, na frescura, na sagacidade. (...) Fernández-Cid, Miguel, "Castelao grafista" en Castelao grafista, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando / Fundación MAPFRE / Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Madrid, 2017.
Desde Afundación Obra Social ABANCA colaboramos co proxecto expositivo sobre o insigne Castelao itinerando a mostra polos nosos diferentes espazos durante os dous próximos anos.
Organizada pola Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia – Xunta de Galicia, a exposición Castelao grafista (facsímil) é o proxecto máis ambicioso para dar a coñecer e difundir a obra e o pensamento de Castelao nos cinco continentes.
Esta exposición enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación en prol de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Accede e colabora doando algún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local.
Entra aquí e infórmate polo miúdo.
TENDA ONLINE
CATÁLOGO Castelao grafista (facsímile) (Fundación Torrente Ballester, Santiago de Compostela, 2019)
CATÁLOGO Castelao grafista. Pinturas, dibujos, estampas (Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Fundación MAPFRE y Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Madrid, 2017)
Esta mostra encádrase dentro do proxecto CORRENTE CULTURAL, unha aposta de ABANCA e Afundación para espallar cultura por toda Galicia, polos diferentes concellos e contando coa súa colaboración, construíndo unha rede de calidade que leve novas propostas máis alá dos nosos edificios. As iniciativas que conforman este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia.
Actividade do Xacobeo 21-22