Exposición de pintura: “Percorridos, do real ao imaxinado“, Espazo +60 Monforte
O Espazo +60 Afundación de Monforte acollerá, do 6 ao 27 de setembro, a exposición de pintura "Percorridos, do real ao imaxinado" que recolle unha mostra dos traballos realizados pola súa autora, Anabel Álvarez Goyanes, ao longo de dúas décadas.
Anabel Álvarez Goyanes é licenciada en Belas Artes e profesora de educación plástica e audiovisual en ESO e debuxo técnico en Bacharelato. Tamén foi profesora asociada no Departamento de Didáctica da Expresión Artística da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Aínda que nunca deixou de pintar, nos últimos anos a súa obra adquiriu maior pulo e maior continuidade.
A obra que nos presenta ten diversos soportes, materiais e técnicas, predominando a pintura acrílica sobre lenzo ou taboleiro pero tamén hai colaxe. Aínda que explorou estilos diversos ata este momento, mantén a expresión constante da luz e o uso das transparencias, nun traballo perseverante de procura no que cre que aínda queda moito por descubrir.
A inauguración será o venres 6 de setembro ás 20.00 horas. Abrirase ao público o día 9 de setembro, de 10.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas