Exposición GALICIA A UN PASO DE TI en Vigo
Galicia é unha terra atlántica que leva séculos exercendo un fascinante poder de atracción. É aquí onde situaban os antigos o fin do mundo, o Finis Terra e, na súa capital, Santiago de Compostela, onde alcanzan o seu destino final os peregrinos que percorren o Camiño...
Nova exposición de fotografía na Sede Afundación de Vigo. A través de 216 instantáneas, Adolfo Enríquez amosa Galicia e o seu rico patrimonio histórico, unha invitación aos seus habitantes e a quen a visita a coñecer, descubrir e tamén redescubrir a súa gran riqueza arquitectónica, natural e paisaxística. Valorar esta riqueza é o primeiro paso para conservala e preservala para as futuras xeracións.
«Galicia a un paso de ti», producida por Turismo de Galicia, é unha exaltación do territorio galego e o seu extraordinario poder de atracción, dunha terra única e privilexiada. As circunstancias excepcionais provocadas polo impacto da COVID-19, que limitaron os desprazamentos, serviron tamén para que en cada recanto do planeta os seus habitantes se detiveran a observar o que teñen máis preto, a valoralo e a reflexionar sobre a importancia de preservalo. Así nace este proxecto de Turismo de Galicia, sustentado en tres piares: a natureza, o patrimonio e o Camiño de Santiago. A mostra detense, primeiro, na natureza: as instantáneas do fotógrafo Adolfo Enríquez mostran as súas espléndidas praias, a Galicia interior que bañan mil ríos, o seu hábitat privilexiado, os seus 6 parques naturais, o Parque Nacional das Illas Atlánticas… E continúa despois mostrando a súa historia, o Camiño de Santiago e a zona histórica de Compostela, a Muralla de Lugo ou a Torre de Hércules, declarados todos eles pola UNESCO «Patrimonio da humanidade» e outros moitos recantos emblemáticos, os seus costumes, as súas festas ou a súa gastronomía, conservados ao longo dos séculos, nunha simbiose perfecta de tradición e modernidade.
Imposible recoller todo o esplendor de Galicia en 216 imaxes, que si serven para cativar a quen non a coñece e para convidar a quen a habita a descubrir pequenos paraísos que están apenas a uns pasos. Con esta exposición convidamos a viaxar polos lugares máis sorprendentes da nosa xeografía galega sen saír dunha sala de exposicións, á vez que divulgamos os múltiples destinos onde podemos dirixir os nosos pasos para vivir en bosques frondosos, solpores cheos de luz, descubrir a pedra feita arte ou percorrer camiños de auga, entre outras moitas máis experiencias ao alcance da nosa man.
O AUTOR
Adolfo Enríquez (Porto do Son, 1965) empezou na fotografía aos 14 anos, por casualidade, cando o seu pai levou á súa casa unha cámara Yashica Electro 35 que atopara abandonada. Desde entón, a fotografía é parte da vida deste autor, convertido nun nomeado profesional cunha gran paixón: os escenarios naturais de Galicia. Unha devoción plasmada en guías e revistas de viaxes; exposicións en varios continentes, e nos libros Cara a Santiago e Sinte Galicia.
Esta exposición encádrase dentro do programa CULTURA POR ALIMENTOS, que promove o troco de produtos e servizos culturais por produtos alimenticios de primeira necesidade. As persoas que nos visiten ao longo do ano poderán doar alimentos, depositándoos nas caixas habilitadas á entrada dos nosos edificios en Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Solidarízate!
CONCURSO!
Ademais, podes participar dun concurso que pon en marcha Turismo de Galicia! Realizaranse dous sorteos para A Coruña e Vigo, e só terás que subir unha foto ás redes sociais co cancelo #GaliciaAUnPasoDeTiACoruña ou #GaliciaAUnPasoDeTiVigo.
Sortearase unha selección de produtos gastronómicos galegos e un set do peregrino:
- Selección de produtos gastronómicos: 1 botella de viño Albariño, 1 botella de licor café, 1 queixo San Simón, 1 queixo ecolóxico Moeche, 1 botella de aceite de oliva virxe extra, 6 latas de conservas, 1 paquete de galletas de nata Maruxas, 1 bote de Geleé de Baladiña.
- Set peregrino: 1 mochila, 1 gorro de auga, 1 botella-termo, 1 paraugas pregable, máscaras, 1 axenda, 1 chaveiro
Exposición producida por Turismo de Galicia. Xunta de Galicia
- Asistencia obrigada con máscara
- Control da capacidade
- Itinerarios e percorridos marcados para fluidez de público
- Xel hidroalcólico en múltiples puntos dos edificios e salas
- Desinfección rigorosa de espazos
- Substitución de elementos táctiles e de man (pantalla, interactivos, folletos) por outros elementos audiovisuais que non requiren de contacto físico
- Supervisión en sala por parte de persoal para o cumprimento da distancia de seguridade