Exposición IMAXINARIA. IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, Santiago de Compostela

A imaxinación como refuxio, inspiración e xermolo fundamental do proceso creativo, é a premisa da que parte IMAXINARIA, IV edición da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, que achega á Sede Santiago de Compostela, un ano máis, o que se está a facer no ámbito da ilustración a nivel mundial. Unha exposición que, como vén sendo habitual, pon o foco nos traballos máis persoais e experimentais dos ilustradores e ilustradoras seleccionadas. Artistas cun alto perfil multidisciplinar, vidas e vidos de diferentes sectores coma a pintura, o cómic, o mural, o graffiti, a animación, a moda, o deseño gráfico ou o tattoo, e que teñen na ilustración o seu principal medio de expresión. Unha emancipada linguaxe artística a través da cal desenvolven todo o seu potencial creativo, dando renda solta á súa imaxinación.
comisaria | MATILDE RODRÍGUEZ
Con IMAXINARIA mergullámonos nun percorrido visual onde estilos coma o surrealismo, o pop e o naif están moi presentes. Vémonos na Rúa do Vilar!
PRÓXIMOS EVENTOS
FELiiC: Feira de edición e libro ilustrado con charlas | 21 XAN 2023
Open MiiC: encontros entre público e artistas na propia sala de expos | 20 e 21 XAN 2023
Día da Ilustración para gozar das charlas oficiais que organiza a AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) | 30 XAN 2023
Co programa solidario CULTURA POR ALIMENTOS, o acceso á visita será a cambio dalgún alimento non perecedoiro destinado ao Banco de Alimentos local, a entregar na sala de exposicións.
A «IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea (MiiC). Imaxinaria» ofrece unha escolma de pezas que teñen como alicerce da súa creación a ilustración e elaboradas con moi diferentes técnicas, desde videoxogo, guache, colaxe e cerámica, ata a animación. Non obstante, o denominador común entre todas elas é a creatividade e a imaxinación desbordantes, que impulsan a renovación das linguaxes formais. A imaxinación como refuxio, inspiración e xermolo fundamental do proceso creativo, é a premisa da que parte esta mostra que achega a Santiago de Compostela, un ano máis, o que se está a facer no ámbito da ilustración actual a nivel mundial.
Cunha nómina de artistas composta por Aitor Saraiba, Alba Blázquez, Berto Fojo, Cristina Daura, David Fidalgo Omil, Kruella D’Enfer, Magoz, Marcos Navarro, Marta Font, Marylou Faure, Natalia Umpiérrez, Natasha Lelenco, Nuria Riaza, Olaf Hajek, Perrilla, Rafael Silveira, Twee Muizen e Víctor Castillo, as súas pezas poñen o foco nos seus traballos máis persoais e experimentais. Artistas cun alto perfil multidisciplinar, provenientes de diferentes sectores como a pintura, o cómic, o mural, o graffiti, a animación, a moda, o deseño gráfico ou a tattoo, e que teñen na ilustración o seu principal medio de expresión. Unha emancipada linguaxe artística a través da cal desenvolven todo o seu potencial creativo, dando renda solta á súa imaxinación.
Con «Imaxinaria» mergullámonos nun percorrido visual onde estilos como o surrealismo, o pop e o naif están moi presentes. Son ilustracións que, na súa gran maioría, toman do folclore e a cultura popular os seus grandes referentes estéticos, conseguindo crear potentes alegorías que nos convidan a reflexionar de maneira crítica sobre grandes temas universais, como a maneira que temos de relacionarnos, tanto entre nós como co noso contorno. Nalgúns casos aparecen o humor e o sarcasmo como efectivos recursos de comunicación que conseguen a complicidade de quen observa; noutros, están mais vencellados con procesos catárticos de superación de certos medos e experiencias vitais. En conxunto, todo un imaxinario colectivo composto de metáforas, soños, fábulas, sentimentos, medos e emocións que as creadoras e creadores pasan pola peneira da imaxinación para darlles forma, configurando un cosmos singular onde é posible mesturar o mundo real coa fantasía, e no que a ilustración funciona como un portal creativo capaz de unir o imaxinado co tanxible.
A mostra busca destacar, tamén, a constante experimentación de soportes e formatos que caracterizan a produción dos e das creadoras, e cos que conseguen expresar dunha maneira máis libre as súas ideas, completando o significado do representado a través das diferentes texturas e posibilidades dos propios materiais empregados. Trátase de teas, fíos de algodón, la, ferro forxado, cerámica ou microcemento que conviven de forma natural con técnicas como a serigrafía, o acrílico, o guache, a acuarela, o bolígrafo e a ilustración dixital. Unha liberdade creativa que, sen dúbida, pon de manifesto a capacidade propia e singular que ten a ilustración de crear novos universos e novas formas de ver a realidade.
DIDÁCTICA PARA ESCOLARES
• Visita obradoiro STEAM | INFANTIL A 3º PRIMARIA | 2 € escolar
Tormenta de ideas. Mergullaremos e xogaremos a imaxinar e crear. E ollo! igual precisamos dun paraugas para que non nos anegue a tempestade de ideas...
• Visita obradoiro STEAM | 4º PRIMARIA A 2º ESO | 2 € escolar
Ocupado! Cerebros imaxinando. A imaxinación e a creatividade como roles dunha divertida viaxe pola ilustración máis surrealista.
• Visita comentada | 3º ESO A BACHARELATO E C.F. | 2 € escolar
Imaxinaria. A arte e a ilustración.
Información e reservas: 981 552 577 | [email protected]