Exposición O PODER DA PALABRA. 40 anos do Parlamento de Galicia, en Lugo

Co gallo do 40 Aniversario do Parlamento de Galicia, celebramos canda a institución unha interesante exposición que estará na Sede Afundación de Lugo a partir de setembro. Con O PODER DA PALABRA. 40 anos do Parlamento de Galicia. 1981-2021 poderás descubrir a historia dunha das nosas entidades máis senlleiras no desenvolvemento do autogoberno galego.
RAMÓN VILLARES PAZ | comisario
A mostra repasa os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.
Comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, tamén conta coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); e co deseño gráfico a cargo de Xosé Díaz Arias.
Intégrana 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.
Entre outros, na exposición é posible ver a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol; ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.
Tamén se incorporan obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.
A exposición, de carácter itinerante, recalará nas diferentes cidades galegas nos próximos meses.
Esta exposición enmárcase en CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación en prol de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Accede e colabora doando algún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local.
Entra aquí e infórmate polo miúdo.