«Oficios entre lusco e fusco». Chantada

Visita ata o 25 de xuño na Sala de exposicións da Casa da Música de Chantada (praza de Galicia, s/n) «Oficios entre lusco e fusco», unha mostra organizada por Afundación e ABANCA, en colaboración co Concello de Chantada, coa que afondar no mundo dos oficios tradicionais galegos a piques de desaparecer. O fotógrafo Xosé Abad é o autor das imaxes que conforman a exposición, coas que amosa a súa perspectiva sobre a desaparición destes xeitos de vida.
No contexto de crise actual, Xosé Abad interrógase sobre o desenvolvemento de determinados valores ata hai pouco indiscutibles: a calidade dos traballos, a súa realización con mestría e dedicación e a experiencia, un legado que parece lóxico transmitir ás xeracións futuras. Constatando que estas apreciacións están en franco retroceso, o autor detense a retratar un cambio social auspiciado polo crecemento do consumismo. En moitos casos, a mecanización dos traballos mellorou as condicións laborais dos oficiantes, mais tamén implicou a desaparición do seu xeito de produción, cambiado pola cadea de montaxe e pola deslocalización a países sen regularización de dereitos e con salarios moi baixos. O traballo «ben feito», o trato humano, a orixinalidade de cada peza, por seren valores en desuso, pasaron a ser, paradoxalmente, distintivos de luxo ao alcance de moi poucas persoas. Así pois, os oficios tradicionais están en vías de extinción nos países desenvolvidos. Quizais neste intre esteamos a vivir os derradeiros momentos da coexistencia entre dous xeitos de produción ben diferenciados, e por iso é importante documentalos.
As fotografías de «Entre lusco e fusco» simbolizan a decadencia dos oficios a través dun esquema de iluminación inspirado no atardecer, seguindo o esquema baseado en Caravaggio. Os claroscuros suxiren espazos e ferramentas, quedando ben definido o contexto en que se desenvolven os traballos e, asemade, documentada a presenza dos dignos representantes do seu gremio neses universos onde tantas veces se funden o privado e o laboral. O espectador é partícipe da atmosfera en que se levan a cabo eses oficios, redescubríndoos na medida da súa importancia e ocupándoos tamén con certa bagaxe afectiva.
Xosé Abad, nado en Figueres (1956), iniciou a súa andaina profesional como fotoxornalista en diversos medios de comunicación na década dos oitenta. A súa obra expúxose en diversas localidades galegas e en diferentes museos e institucións estatais e internacionais, recibindo diferentes premios polo seu traballo e traxectoria. Así mesmo, o artista colaborou en proxectos de diferentes ONG galegas e latinoamericanas. Desde o seu estudio realiza traballos de fotografía industrial e publicitaria, moda ou retrato. Como fotógrafo foi galardoado no I Certame de Creación Fotográfica Luis Ksado ou co Premio Pardela de Comunicación á traxectoria profesional, entregado polo Club de Amigos da UNESCO. Na súa actividade cinematográfica dirixiu varios documentais premiados en diferentes certames, sendo os máis actuais Isaac, O segredo da Frouxeira e A pegada dos avós.
María Patiño - Cesteira:
«Co primeiro que aforrei, meu pai mandoume mercar un cuxo».
Con máis de 80 anos, María segue hoxe a aceptar traballos e ofrecendo as súas cestas nas feiras para uso doméstico. Os seus descendentes xa non se dedicarán a este oficio.
José Vilas «Pucho» - Tipógrafo:
Entendido coma o oficiante que colocaba os tipos de chumbo para a súa correcta impresión con tinta, no obradoiro de Pucho, a vella Heidelberg segue a funcionar, de momento.
Esta exposición encádrase dentro do proxecto CORRENTE CULTURAL, unha aposta de Afundación por espallar cultura por diferentes vilas de Galicia, construíndo unha rede de calidade que leve coñecemento alén dos seus edificios nas urbes. As iniciativas que van conformar este ciclo parten dunha produción de nivel, cun interese específico para a comunidade e unha estreita vinculación coas nosas tradicións e historia. Buscamos apoiar a sociedade galega nas necesidades do século XXI desde a máxima do traballo ben feito.