Miguel Rodríguez Monteavaro gaña a XXII edición do Premio de Poesía Afundación
Miguel Rodríguez Monteavaro resultou gañador da nosa XXII edición do Premio de Poesía Afundación co poemario Cortar pescado en Manila, presentado baixo o lema Penácaros. Nesta edición, o certame viu incrementada a súa dotación económica ata os 7000 euros e recibiu un total de 32 obras inéditas.
O anuncio contou coa participación dos membros do xurado: Héitor Mera, Inma López Silva e M.ª Neves Soutelo, como representantes vogais e profesionais da escrita; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado. Tamén estiveron presentes Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.
O xurado destacou que Cortar pescado en Manila presenta "un interesante percorrido formal que emprega con habelencia o efecto de distanciamento para tratar temas próximos como a realidade laboral, o amor e a violencia, pero tamén toda a beleza que se pode atopar neses ámbitos".
MIGUEL RODRÍGUEZ MONTEAVARO (Bual, Asturias, 1990) é poeta, músico e doutor en lingüística asturiana pola Universidade de Oviedo, onde traballou como docente. Ten publicado varios libros de poesía: Trenta razóis pra nun medrar (Trabe, 2010), Todos os tristes de mayo (Trabe, 2013), Poemas pr'amantes y paquidermos (Trabe, 2013), Superpoderes (Gobierno do Principado de Asturias, Instituto Asturiano de la Juventud, Trabe, 2020) e o bilingüe Oi, que dice mamá que volvas/ Hey, mom says come back (Gobierno del Principado de Asturias, Impronta, 2023). Tamén gañou varios premios literarios, concursos públicos e residencias coma o XIX Premiu de Poesía Padre Galo (2012), Asturias Joven de Poesía (2019), I Premio Ría del Eo de Poesía (2021), Residencia Asturies (2021) e Residencia Artes Escénicas Laboral Ciudad de la Cultura (2022), entre outros. Ademais, en 2023, coa obra infantil Breve inventario dos seres escondidos e co poemario Ton (aínda inéditas) conseguiu a Axuda á Creación Literaria do Gobierno del Principado de Asturias e o primeiro posto nas Subvencións á Creación do Ministerio de Cultura de España, respectivamente. Rodríguez Monteavaro é coordinador e director do Ciclu de Poesía QED, o único ciclo de poesía que existe regularmente en Asturias e no que se dan cita anualmente poetas de toda Europa. Os seus poemas, escritos orixinalmente en galego e en asturiano, teñen sido traducidos ao español, inglés, chinés, polaco, sueco, canarés, occitano e francés.
Listaxe de persoas gañadoras do Premio de Poesía Afundación. PDF