Paraíso. Un recital de Emilio Rúa e Xosé Carlos Caneiro, nas sedes Afundación
Acollemos Paraíso, o novo espectáculo de índole poética e musical do cantautor Emilio Rúa e o escritor Xosé Carlos Caneiro, nas nosas sedes de Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra, Lugo e A Coruña. Nesta ocasión, os artistas debuxan o panorama da sensibilidade e da emoción partindo da última novela do escritor de Verín, Paraíso.
É un traballo inusual dentro do mundo musical e cultural galego. Textos capaces de emocionar a quen os escoite. Prosas que falan das virtudes do mundo imaxinario creado polo escritor, Ébora, o seu modo particular de sentir e encantarse co cotián. Prosas que parecen poemas que falan de amor, de resistencia fronte á incomunicación dos seres humanos (neste tempo no que semella que estamos máis comunicados que nunca), de entusiasmos, do país e os seus misterios, das paixóns, da melancolía, da noite e dos afectos. Tamén das virtudes magníficas, a astucia, as rarezas, o humor dos personaxes da novela. Xunto ás prosas, Caneiro e Rúa interpretarán poemas relacionados co mundo máxico e marabilloso de Ébora.
Ao abeiro de CULTURA POR ALIMENTOS, o programa solidario con FESBAL, animámoste a colaborar cunha doazón para o Banco de Alimentos local.
Entrada libre e gratuíta, ata encher a capacidade.