SEARA
Álvarez Seara, José Luis
( Arcade, Pontevedra, 1957 )
Biografía
A penas hai faceta da arte que lle sexa allea a esta personalidade inqueda e experimentadora. Deuse a coñecer co grupo Foga, en Vilaxoán, en 1975. Posteriormente, participou en mostras colectivas en Santiago de Compostela, Palma de Mallorca, Vigo, Barcelona e numerosas cidades de Francia e Portugal. Individualmente, realizou a súa primeira mostra en Compostela, en 1978, e máis espaciadas presentounas en Pontevedra, Palma de Mallorca, Oporto, Vigo e Salamanca. Realizou carteis e portadas de discos e ilustrou diversos libros, entre eles " A torre da derrota", de Gonzalo Navaza. Como gravador editou unha interesante carpeta que ten por título "El Coro de las Esfinges", que viu a luz en Madrid en 1993. Foi profesor de teatro de marionetas e sombras chinesas así como monitor de entroidos, porque lle interesa todo o lúdico. Premiárono na primeira Bienal de Pintura Albariño Gran bazán e recibiu unha bolsa de Unión Fenosa en 1991, o que evidencia o seu talento, xa que é un dos certames de selección máis rigorosa que existen no país. Habitualmente reside en Vilalonga, se ben é un viaxeiro constante. Cómprelle un ambiente retirado para o seu traballo, eminentemente expresivo e creador. Non é doado, nin moito menos, defini-la obra deste artista no que existe unha extrema vitalidade e unha fantasía desbordada. Adscrito á vangarda, incide en procesos abstractivos cunha moi meditada elaboración, aínda que na súa arte se atope frescura e coma unha certa despreocupación polo resultado final. Dado o novo que é, seguro que aínda probará moitos camiños deica asentar unha liña por completo definitoria. Posúe un talento considerable e as súas posibilidades son practicamente inesgotables.
Bibliografía
-Cara ao futuro. Vigo, Centro Cultural Caixavigo, 1985. -O rostro do tempo. Vigo, 1991.