• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

MARIO GRANELL

FERNÁNDEZ GRANELL, MARIO

( A Coruña, 1914 - Vigo, 1991 )

Biografía

A súa nenez transcorre entre A Coruña e Compostela. A afección á pintura comeza a cultivala no taller do pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño, fusilado ó inicio da guerra civil. Precozmente expón, cando ten só catorce anos, en Santiago e Pontevedra, co eloxio do escritor Francisco Fernández del Riego. Faille unha caricatura o pintor Carlos Maside. Prosegue o seu traballo ata o comezo da guerra civil, con exposicións en diferentes cidades de España. Pasa no cárcere sete anos, ata 1943. Ó ser liberado dedícase a tarefas decorativas por toda Galicia para poder sobrevivir. Traballa e vive en Vigo unha bohemia relativamente dura, con Laxeiro e outros artistas. En 1957 emigrou a Venezuela e alí traballa intensamente, aínda que a súa obra viaxa a España con frecuencia para ser exposta en Madrid e en toda Galicia, seguindo cursos sudamericanos ata Bogotá e Bos Aires. En Caracas reafirma a súa amizade con outro intelectual emigrado de Galicia, o poeta Celso Emilio Ferreiro. A mediados da década dos oitenta volve a España e fixa a súa residencia en Vigo, onde traballa, expón e vive os derradeiros anos da súa vida. Faleceu na primavera de 1991. Recentemente, o concello da cidade tomou o acordo de rotular unha rúa co nome do artista herculino que foi trotamundos e vigués en dúas amplas etapas da súa vida, a derradeira e definitiva. A obra de Mario Granell figura en museos de Galicia e de Hispanoamérica, así como en coleccións particulares. Publicou libros de estampas, entre eles un fermosísimo, titulado "Homenaje al pueblo español. Estampas amargas -vivencias de una guerra civil-", en 1978. A pintura de Mario Granell está vencellada ó surrealismo, aínda que moi decantado. Sobre un debuxo preciso, siluetea figuras idealizadas, que habitan en mundos inventados, en vermellos, negros, azuis, verdes. O ritmo é delicioso, con apariencias deliberadas, ás veces, de decoración escénica que o emparentan con José Caballero ou coas ideacións do escultor Alberto Sánchez. Picasso, de cando en vez, tamén está detrás destes ritmos de liñas, de ángulos precisos, de curvas suaves, de perspectivas imposibles e, sen embargo, tan atractivas. Cabería denomina-las composicións de Granell, case sempre realizadas en acrílicos, "Paisaxes con figuras". Hai un mundo de ballet nestes cadros, tan sinópticos, tan aparentemente elementais e, non obstante, profundamente razoados, onde están, segundo desexe o artista, o drama ou a ledicia, sempre nun eido como lúdico. Semellan exercicios de "collage", e son dunha perfección formal exquisita, insuperable, propia do poeta, lírico e evanescente, que impregnaba a súa sensibilidade artística multiforme.

Bibliografía

-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Granell, M.: Estampas amargas. Caracas, 1978. -Sobrino Manzanares, Mª Luisa: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña. A Coruña, Diputación, 1991. -I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989. -Castro, X. Antón.: Colección Arte Galega. A Coruña, Xunta de Galicia, 1989. -Ilarri Jimeno, Angel: Catálogo do Pazo Museo «Quiñones de León» Vigo, Concello, 1978.

Obra

  • Estampas de larga y dolorosa espera

    Estampas de larga y dolorosa espera 1986

  • Réquiem por Urbano Lugrís

    Réquiem por Urbano Lugrís 1974

  • La familia del guerrero

    La familia del guerrero 1974

  • El retorno del patriarca

    El retorno del patriarca 1984

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2020 © Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2020
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78