• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

MANUEL MOMPÓ

Hernández Mompó, Manuel

( Valencia, 10 de octubre de 1927 - Madrid, 24 de enero de 1992 )

Biografía

Manuel Mompó formouse en pintura na Escola de Arte e Oficios Artísticos e na Escola Superior de Belas Artes da súa cidade natal, Valencia. O seu interese polas artes plásticas proviña da súa influencia familiar, xa que o seu pai era pintor e sempre animou o seu fillo a que se internarse na creación artística e a practicar co debuxo, que consideraba a base fundamental para dedicarse ao oficio. Debido a esta insistencia, Mompó, cando era mozo, percorría as rúas da cidade e tomaba bosquexos do natural.

A súa incursión no ámbito académico permitiulle establecer contactos con outros artistas como Eugenio Sempere, Javier Clavo ou Manolo Gil, ao mesmo tempo que perfecciona a súa técnica investigando os grandes mestres no Museo de Belas Artes San Pío V. A súa primeira mostra individual terá lugar en 1948 en Granada e a comezos da década dos anos 50 viaxa a París para investigar o impresionismo e as vangardas históricas. Logo trasladarase a Roma en 1954, onde coñecerá a pintores como Lucio Muñoz, Giorgio de Chirico ou Salvador Dalí. Así mesmo, terá a oportunidade de viaxar por toda Italia e coñecer a arte etrusca, bizantina e renacentista.

Na segunda metade da década dos anos 50 regresará a España para desenvolver unha gran actividade expositiva que se prolongará nas seguintes décadas tamén a nivel internacional. Durante os anos 70 trasladarase a Mallorca e nos 80 a Madrid. Así manterá un alto ritmo de colaboracións con institucións e colegas e introducirase na técnica da escultura e dos obxectos tridimensionais sobre os que plasmaba os seus debuxos. Paralelamente á súa produción plástica, desenvolveu escritos teóricos nos que amosa a súa paixón pola estética e pola filosofía oriental.

Ao longo da súa traxectoria artística recibiu diversos galardóns como a Medalla de Ouro de Pintura na Exposición de Arte Universitaria de Valencia, o Premio da UNESCO da Bienal de Venecia, o Premio Nacional de Artes Plásticas, a Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes ou o nomeamento como académico da Real Academia de San Carlos de Valencia. A súa obra pódese contemplar en destacadas coleccións como a do Museo de Belas Artes de Valencia, o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía, o Centro Andaluz de Arte Contemporánea, o Museo de Arte Abstracta de Cuenca ou o IVAM de Valencia.

Mompó afirmaba que non necesitaba investigar nin incorporar novos materiais nas súas creacións e consideraba que nos seus debuxos infantís se adiviñaba o devir da súa linguaxe plástica. Os trazos caligráficos e as achegas de cor toman o protagonismo das súas composicións que se dispersan polo espazo; parte como método da figuración para chegar á abstracción. Así, os signos e os motivos nacidos da súa imaxinación parecen expandirse polo espazo en branco no que se transforman as súas creacións de maneira que desenvolve un informalismo moi característico e singularizado, polo que non se adscribiu endexamais a ningún grupo ou colectivo.

En Afundación consérvanse dous exemplos do recoñecible estilo de Mompó. Baixo os títulos A praia e Preto do mar, o artista configura as súas particulares composicións de espazos en branco nos que parecen flotar as formas oníricas, cunha forte base de debuxo, en vermellos, amarelos, azuis ou verdes que dispersa pola superficie pictórica. Así mesmo, emprega dúas das técnicas coas que máis traballou ao longo da súa carreira, o óleo e o gravado.

Bibliografía

Prados de la Plaza, Francisco: Hernández Mompó. Madrid, Ministerio de Cultura, 1977.

Aguilera Cerni, Vicente: Panorama del nuevo arte español. Madrid, Edit. Guadarrama, 1966.

Areán, Carlos A.: Treinta años de arte español. Madrid, Edit. Guadarrama, 1972.

Campoy, A.M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico-Europea de Edic. 1973.

Moreno Galván, José María: Monografía. Madrid, 1968.

García Berlanga, Luis: Hernández Mompó. Valencia, 1966.

 

Obra

  • CALLE CERCA DEL MAR

    CALLE CERCA DEL MAR 1983

  • LA PLAYA

    LA PLAYA 1983

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78