ANTONIO MURADO
MURADO LÓPEZ, ANTONIO JOSÉ
( Lugo, 1964 )
Biografía
Membro dunha familia con inquietudes artísticas (nai debuxante, pai pintor e cineasta afeccionado e irmán do escritor Miguel Anxo Murado) desde que era un meniño amosou interese pola plástica. En concreto, polas imaxes que figuraban nas enciclopedias da súa casa. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca (1988), participa nas súas primeiras mostras colectivas en 1985, realiza a primeira individual na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela en 1987. Consegue unha bolsa para os Talleres de Arte Actual do Círculo de Belas Artes de Madrid con Juan Navarro Baldeweg, á que seguen a bolsa Manuel Colmeiro da Xunta de Galicia ou a Bolsa de creación artística Unión Fenosa en 1995, que lle deu acceso á Cooper Union School de Nova York, cidade onde reside e traballa desde 1996. En 1987 abre en Lugo a sala de exposicións Zú, homónima do grupo que forma xunto cos artistas Thomas Jocher, Michael Haas e Antonio Fernández González, cos que realizará exposicións en Lugo e Viena. Considerado un dos pintores españois con maior proxección internacional, galardoado en múltiples ocasións, a súa obra foi exhibida en prestixiosas galerías e espazos artísticos de Estados Unidos, Holanda, Bélxica, Australia, Canadá, Austria, Portugal, Nova Zelandia ou América do Sur. Así mesmo, está representado nas máis destacadas coleccións nacionais e internacionais.
A figuración expresionista dos seus inicios dálles paso, na década dos noventa, a uns traballos caracterizados pola experimentación pictórica e o xogo coa representación; esvaece os límites entre o espazo pictórico e a imaxe, cuns resultados sutís e velados que zumegan fantasía e romanticismo. É habitual o xogo entre a figuración e a abstracción, pois na súa opinión: «Todo é abstracto e figurativo á vez». Na súa pintura, xeralmente de gran formato e con vocación serial, establece un sutil xogo conceptual entre os medios e as ideas, e renuncia á materia; el mesmo afirma: «Non me gusta nada a materia. O grande escenario da pintura é unha superficie plana que crea a ilusión do espazo». Atráeo enormemente a transparencia da pintura, e déixase influenciar pola pintura clásica, sobre todo a española. O seu afán investigador levouno a explorar a escultura, a fotografía, a instalación, o deseño de mobiliario, ou a ilustración nos libros do seu irmán Bestiario dos descontentos e De soños e derribos.
Na Colección Afundación figuran cinco obras datadas entre 1993 e 2001. Na máis temperá, Página nº 2 (1993), crea, servíndose da contraposición, un mosaico de «fiestras» onde o xogo de texturas e cor nos introducen en mundos descoñecidos. Redes (1994) está composta por dúas teas xustapostas con liñas diagonais que se cruzan con certo arqueamento de maneira que se produce un interesante xogo de tensións e planos. En Marañas (1995), pertencente a unha das súas series máis coñecidas inspirada na música de Bruckner, case se pode apreciar o movemento dunha batuta, as liñas orgánicas entrecrúzanse constantemente e créase unha tupida rede chea dun interminable dinamismo. Fragmentos de flores e pétalos que nos conectan coa mística da vida ao ser creados polo seu alento, semellan que se pousan nun campo sen límites na obra sen título (1996). Tras a inspiración botánica da súa obra dos noventa que alude a unha visión microscópica da natureza, atopámonos con paisaxes «macroscópicas» —creadas mediante o comportamento que os materiais empregados presentan en determinadas ocasións— como a paisaxe areenta (2001), de superficie con «efecto porcelánico», que realiza a partir de múltiples veladuras tan características da súa linguaxe plástica.
Bibliografía
ANTONIO Murado, CGAC, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1990.
GONZÁLEZ-ALEGRE, A.: Áreas de silencio, Deputación Provincial, Pontevedra, 1994.