PANCHO RODIÑO
Rodiño Martínez, Bernardo Ángel
( Pontevedra, 1967 )
Biografía
A xeometría pura nun mundo de polígonos inscritos en grandes superficies conforman a obra deste artista aparentemente frío e, non obstante, inquietante e ata emotivo.
Durante os anos 1986 a 1991 cursou estudos na escola La Palma de Madrid, interesándose polas técnicas do volume. En 1996 asistiu ao taller de escultura impartido por Sergi Aguilar na Fundación Botín de Santander, e, posteriormente, aos dirixidos por Antón Lamazares no Círculo de Belas Artes de Madrid e ao de Darío Villalba, no mesmo ámbito.
En mostras colectivas participa dende 1990 e, de modo individual, a partir de 1997. A súa carreira é pois, aínda, breve, pero moi intensa. Entre outros galardóns ten o primeiro premio na cuarta edición do prestixiado concurso José Malvar de Compostela.
Está representado na colección da Xunta de Galicia e en diversos concellos de Galicia.
O máis absoluto informalismo preside a súa pintura concisa, de gama axordada, deliberadamente núa de calquera preciosismo. Ao contrario, os seus cadros son meras estruturas razoadas, nas que se poden adiviñar fragmentos de muros con enreixados oclusivos, en grises, ocres, verdes neutros. Insinúa arquitecturas que non concreta, para que o espectador complete idealmente o cadro, de mínimos elementos, levando o espírito de Mondrian ou Malevich a extremos case incribles. Polígonos e trazos aséntanse en fondos perdidos con mínimos contrastes cromáticos. Unha deliberada monotonía consegue a personalidade inconfundible deste artista case metafísico.
Bibliografía
- Susana Cendán: Pancho Rodiño. Domus vacuna I-II. Pontevedra, Caixa Madrid, 2002.