• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

SEOANE

Seoane López, Luís

( Buenos Aires, Argentina, 1 de junio de 1910 - A Coruña, 5 de abril de 1979 )

Biografía

Rica, intensa, multiforme vida é a deste intelectual, pintor, debuxante, gravador, poeta, dramaturgo, articulista, promotor de iniciativas culturais a ámbolos lados do Atlántico. Fillo de emigrantes, nace en Bos Aires, aínda que sendo rapaz volve a Galicia. Cursa a carreira de Dereito en Compostela, onde realizou a súa primeira exposición en 1929. Vencéllase a grupos políticos nacionalistas e republicanos. Obtén a licenciatura en 1932 e comeza a facer carteis e a ilustrar libros, un deles do poeta, case coetáneo seu, Álvaro Cunqueiro. Empeza a pintar, influído por Paul Klee. Exercendo a carreira de avogado, no primeiro despacho colectivo que existe en Galicia, defende causas obreiras que o sitúan fronte á dereita revolucionaria que iniciará a contenda civil en xullo de 1936 e a finais do mesmo ano embarca para Bos Aires, como exiliado. Alí atópase con numerosos artistas galegos de renome, coma Maruja Mallo, Colmeiro, Federico Rivas. Debuxa e colabora en diarios. En 1938 inicia a súa colaboración coa editorial Losada, fundada por un galego, que será a receptora da literatura europea que na España da posguerra está proscrita. Desde 1939 e durante vinte anos dirixe a revista "Galicia", do Centro Galego en Bos Aires. Edita a autores galegos e funda revistas literarias, con Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela. Publica libros de debuxos e gravados. Un dos seus libros, "Homenaje a la Torre de Hércules", é seleccionado en Nova York, en 1945, como un dos dez mellores publicados na última década no mundo. En 1948 expón en Caracas e nos anos seguintes, con regularidade, en Bos Aires e outras cidades de Sudamérica. Ó ano seguinte viaxa a París e a Londres, onde expón con éxito. En 1952 publica "Fardel de eixiliado", libro de poemas de verdadeira importancia, ó que seguirán outros maxistrais, ilustrados por el con gravados ó aceiro, coma "Na brétema, Sant-Iago" e "Semellando recordos". Aparece en Galicia o primeiro libro sobre a súa pintura, escrito por Domingo García Sabell, amigo seu. En 1955 realiza un enorme mural no teatro San Martín de Bos Aires. En 1956 expón por primeira vez en Nova York. Dous anos despois obtén a medalla de prata na Exposición Universal de Bruxelas e a medalla do Senado da Nación arxentina. Viaxa a Italia en 1960 para estudia-la obra do pintor vigués Serafín Avendaño. En 1962 recibe o premio Palanza, o máis importante de Arxentina. Unha exposición de máis dun cento de obras é mostrada en Madrid en 1963, na Dirección Xeral de Belas Artes. En 1965 aparece un novo libro de García Sabell sobre a súa obra, nesta ocasión verbo dos seus gravados. Un ano despois edítase unha monografía da súa obra en Bos Aires, con textos de Mújica Láinez e Lorenzo Varela, entre outros. Proseguen as súas exposicións, unha delas retrospectivas, en Bos Aires, en 1968, ano no que funda, con Isaac Díaz Pardo, o laboratorio de Formas de Galicia, base da renovación de Sargadelos e do Museo Carlos Maside de Sada, A Coruña. Os seus libros sobre arte, literatura, poesía, multiplícanse. En Galicia a súa presencia é constante en toda actividade cultural. Falece na Coruña, case a media noite do 5 de abril de 1979. A obra plástica de Luis Seoane está representada nos museos de Belas Artes e Eduardo Sívori de Bos Aires, así como no de Arte Moderna da mesma cidade; no Metropolitan e no de Arte Moderna de Nova York; nos de Detroit e Philadelphia; en Caracas; no de Belas Artes e no municipal de Montevideo; en Córdoba, Israel, Sada (A coruña), Vigo, Pontevedra e Santiago; Ugo de Carpi, en Italia; Biblioteca do Congreso, en Washington; Santiago de Chile e Mar de Prata, así como en numerosas institucións e importantes coleccións particulares. Seoane é un expresionesta sinóptico, con forte influencia de Picasso. As súas figuras simplificadas están ditas en cores planas, moi quentes. Nalgúns momentos lémbranos a Grommaire. Mais, ó fin, calquera influencia queda anegada pola súa personalidade, elegante, de sinxeleza extrema, capaz de leva-lo folclorismo a auténtica categoría plástica. Como gravador, aínda que cultivou diferentes técnicas, destaca na prancha de aceiro, na que acada texturas novísimas, con formas abstractas nas que, sobre fondos negros riscados, inscribe siluetas de referencia humana ou animal. Hai sempre algo lúdico na súa pintura, síntese dos "ismos" europeos de entreguerras e da expresión americana de orixe autóctona precolombina. É, ó cabo, un artista inconfundible, inmenso, cunha aparente elementalidade que resulta engañosa, xa que detrás hai sempre un longo proceso intelectual e razoador.

Bibliografía

-García Sabell, Domingo: Seoane. Vigo, Edit. Galaxia, 1954. -García Sabell, Domingo: Seoane, Grabados. Vigo, Edit. Galaxia, 1965. -García Sabell, Domingo: Carta ao pintor Luis Seoane. Sada, A Coruña, Edicións do Castro, 1983. -Mújica Láinez, Manuel y otros: Seoane. Buenos Aires, Galería Bonino,1966. -Glusberg, Jorge: Luis Seoane: fiesta de luz y color. Buenos Aires, 1968. -Alberti, Rafael: A la pintura. Buenos Aires, Edit. Losada, 1953. -VV. AA.: Luis Seoane. Mostra antolóxica. Compostela, A Coruña, Xunta de Galicia, Concello, 1989. -Campoy, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973. -Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia. 1987. -Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976. -Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970. -Carrete Parrondo, Juan; Vega González, Jesusa; Fontbona, Francresc, y Bozal, Valeriano: El grabado en España (siglo XIX y XX). Vol. XXXII de Summa Artis. Madrid, Edit. Espasa Calpe, 1988. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Pablos, Francisco: Serigrafías de arte. Vigo, 1971. -Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Concello, 1992. -Otero Vázquez, C.: Luis Seoane. A Coruña. Diputación provincial 1991. -Irizarry, E.: Escritores-pintores del Siglo XX A Coruña, Edicións do Castro 1990. -Varela, Lorenzo: Seoane. Buenos Aires, Botella al Mar,1948. -Squirru, R.: Seoane. Estudio crítico-biográfico. Buenos Aires, Edic. Dead Weigth, 1976. -Cuadrado, Arturo: Dibujos de Seoane. Buenos Aires, Botella al Mar, 1950. -Blum, Sigwart: Grabados de Luis Seoane. Buenos Aires, Esquema XX, 1961. -Castro Arines, José de: Luis Seoane. Madrid, Dirección General de Bellas Artes, 1963. -Sucarrat, Francine: Luis Seoane. Sada, A Coruña, Ediciós do Castro, 1977. -X. Seoane, "Grande Enciclopedia Gallega" t. 28, p. 141; C. Otero Vázquez,"ASeoane grabador" en "Luís Seoane", catálogo da exposición itinerante pola Coruña, Lugo e Santiago de Compostela, Alvar Gráfica, 1994, A Coruña; Josefina Cerviño Lago, "Luís Seoane",1994, A Coruña. -E. Pablos "O secundario elevado ó protagonismo" na presentación do catálogo da exposición "Bodegóns e Floreiros" reproducido co nº 9. -Este debuxo ilustra " El Renacimiento" de Gobineau, Editorial Poseidón, Bos Aires. -Aparece reproducido en "Los Sueños" de Francisco de Quevedo. Editorial Poseidón. Bos Aires.

Obra

  • Figura

    Figura 1958

  • Reunión con Leonardo

    Reunión con Leonardo 1945

  • Los cotilleos

    Los cotilleos 1945

  • CRISTO OBRERO CRUCIFICADO

    CRISTO OBRERO CRUCIFICADO 1975

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78