Comentarios
O autor, entre o ano 1995 e 2000, traballa en catro series, nas que aborda temas tan difíciles coma a soidade, a incomunicación e a deshumanización, nunha proposta onde a creación plástica se complementa cun importante soporte teórico.
A paisaxe, na que destaca a presencia das nubes como protagonistas, concíbese en delicados tons azuis. As nubes xorden na súa poética dende 1999 e podemos atopalas en teas como Arpa ou Festa, simbolizando, como revela Julio López Valcárcel, "un camiño entre dous mundos".
Na obra introduce a liña do horizonte situándoa moi baixa, o que lle permite recrearse na atmosfera, nas nubes e esbozar un límite entre o espacio aéreo e o río, que gozan da limpeza da pincelada, acadando, na superficie da tea, uns efectos cromáticos esvaídos e aveludados. Sobre este fondo idílico colócase unha reixa que dificulta a visión da paisaxe e a volve inaccesible.
A peza, de factura depurada, é un exemplo da perfecta técnica do autor. Ideada como dúas realidades independentes, paisaxe case fotográfica e reixa, persegue a confusión e a fragmentación do espacio pictórico convertido nun labirinto. A reixa impide gozar abertamente do espacio natural e, sen embargo, invita a traspasala, ábrese lixeiramente, deixando un oco, seducindo a nosa mirada e xerando unha gran sensación de profundidade e de espacio tridimensional.
A representación do río Teixo, das súas beiras, reflicte un espacio paradisíaco. A obra é unha metáfora sobre o mundo actual no que vivimos, industrial, dominado pola técnica e despersonalizado, onde existe unha realidade natural, próxima, e non contaminada, á que o home ten, cada vez, máis difícil acceso.
EXPOSICIÓNS:
"Xurxo Gómez-Chao. A metáfora do labirinto". Do 18 de maio ó 18 de xuño de 2000. Sala de Exposicións da Estación Marítima, A Coruña.
REPRODUCCIÓNS:
"Xurxo Gómez-Chao. A metáfora do labirinto". Concello da Coruña, A Coruña, 2000, páx. 80.