Comentarios
A materia e a ausencia de cor son as protagonistas desta obra onde o pensamento pode desprazarse a través dun deserto imaxinario ata un oasis violeta habitado por unha palmeira triste e solitaria.
Nesta tea, os grises non son planos, outórganlle textura e relevo á superficie conseguida a partir de materiais áridos cos que o autor crea unha obra na que pretende ir máis alá do estético e establecer conexións entre a mensaxe e a materia.
A imaxe do deserto é controvertida. Asociado coa soidade e a desolación, o deserto é a nada pero, ó mesmo tempo, implica a realidade dun espazo físico case inviolado, puro, sen contaminar polo home civilizado. A masa de grises que predomina na peza funciona como transmisora das emocións e dos sentimentos, a cor do equilibrio consegue condensar toda a riqueza de sensacións e significados.