Comentarios
Os temas tradicionais de feiras e vendedoras son unha fonte constante de inspiración para este artista que explora en cada cadro o esencial, investigando a cor e a forma na procura dunha comunicación máis directa.
A composición parece un estudio de luz e de cor, a análise da sensación de proximidade e distancia. As vendedoras amosan actitudes opostas, unha fronte á outra, de costas, concibindo, para ambas, un fondo distinto.
A composición enténdese nun cromatismo frío, grises, azuis, verdes, brancos, reservando os cálidos para a froiteira do primeiro termo, atraéndoa cara ó exterior do cadro. Esta figura ten máis forza, está mellor definida gozando das intensas cores do pano vermello e a cesta de laranxas. O fondo gris escuro sobre o que se dispón destaca os cálidos da tea e as froitas. A imaxe, de costas, nun segundo plano, preséntase borrosa, envolta nunha bruma de azulados, o que acentúa a súa posición de afastamento. Situada sobre un fondo branco, acompáñase da súa cesta de sabas, tamén brancas.
A pincelada é libre, as cores mestúranse e fúndense para captar a luz, para describir diferentes efectos lumínicos creando sensacións nebulosas. En contraste con esta superficie flotada, dominada pola mancha, perfila, nunha grosa liña negra, os detalles do debuxo que lle interesa destacar para outorgarlles corporeidade a presencias e obxectos.
O bodegón, a cesta chea de froitas son un motivo plástico fundamental e definidor da temática das froiteiras pola súa achega de cor e luminosidade á obra.