ESPACE ROUGE Â QUATRE RELIEFS
Comentarios
A obra de Leopoldo Nóvoa, a comenzos dos anos setenta, sorprende pola súa monocromía, e pureza. A aparente neutralidade é imprescindible para aborda-los complexos problemas que centran a súa investigación nestes momentos, o relevo e a luz. En palabras de Susana Cendán, esta etapa supón, “unha paréntese transitoria e inédita na súa produción na que só haberá volume, luz e cor, desaparecendo calquera resto matérico. O resultado son unhas especialísimas composicións”.
O volume acadado polo taboleiro é real, obtense ó manipula-lo lenzo, ó proxectar, dende o reverso da tela, uns arames cara ó exterior, cara ó outro lado. Na face principal, vestida dunha intensa cor vermella, debúxanse elegantes liñas que narran unha historia na que a luz actúa como demiúrgo. A luminosidade acentúa a beleza plástica e a tridimensionalidade das formas suxeridas dende o interior da peza. Os cambios lumínicos alteran a súa realidade, provocan sombras, destelos, relevos, que varían en función da súa dirección ou intensidade e que lle outorgan dinamismo, a capacidade de ser e non só de parecer, unha obra viva.