El Beso del Leviatán
Comentarios
Esta obra de Darío Álvarez Basso fonde dous conceptos, cultura e natureza. Unha pintura densa e corporal que se traballa mesmo sobre o soporte.Rica en materia e texturas, as manchas teñen movemento propio, esvaran deixando gran cantidade de sedimentos que conseguen cambios na intensidade da cor e marcan a forza do xesto e a construción paciente da imaxe. Un mar entre negro verdoso avanza sobre un enorme continente que sente a súa forza e deixa sobre el pequenos ríos de sangue. Un mundo intuído e soñado que quere ser reproducido como o fai a natureza.
Xestual, matérico e de aparencia descoidada, a súa obra é propia dunha personalidade dinámica e irresistible, á vez que reflexiva. Unha mirada poética e persoal que transforma o observado e que fala sobre a realidade humana, sobre os seus soños e contradicións.