
A Sede Afundación Vigo acolle o encontro «Concienciarte» da Asociación Galega da Enfermidade de Dent
Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá na Sala de Conferencias da súa Sede de Vigo o encontro «Concienciarte», enmarcado na mostra pictórica integrada por pezas realizadas a raíz da iniciativa Art for Dent xurdida ao abeiro da Asociación Galega da Enfermidade de Dent e titulada «MySelfie». Mañá, venres 27 de xaneiro, ás 19.30 h, intervirán neste encontro Miguel Ángel García González, xefe do Laboratorio de Xenética das Enfermidades Renais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela; Fernando Yánez, pai de Hugo e secretario da asociación; e Pablo Zentolo, responsable da empresa Reizentolo.
«MySelfie», a exposición
O proxecto artístico, cen por cen solidario, que se pode visitar ata o 11 de febreiro, naceu da implicación de Hugo, un neno de Brión diagnosticado con Dent, no mundo da pintura, como terapia, da man do seu pai. Con creacións dinámicas e cromaticamente rechamantes, as obras xurdidas articuláronse nunha mostra itinerante que contribúe a visibilizar a necesidade de promover a investigación para solucionar os efectos desta doenza. Así, colabórase con equipo científico de NefroChus, o Laboratorio de Xenética das Enfermidades Renais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
Afundación, cun compromiso firme na súa liña transversal de propostas de impulso social para a promoción de iniciativas que potencian a solidariedade e a sensibilización en contextos de vulnerabilidade, como é o caso desta enfermidade, para cuxa solución se necesita seguir investigando, colabora nesta iniciativa cen por cen solidaria.
A iniciativa, cuxas obras de arte resultantes se poden admirar na Sede Afundación de Vigo, desenvolve máis actividades de visibilización. Por unha banda, a actuación en espazos urbanos a través de murais nos que o eclecticismo artístico é a base das motivadoras pezas pintadas, como se observa nas representacións de Rosalía de Castro e a Mona Lisa. Pola outra, a elaboración de produtos de merchandising solidarios como cuncas e camisetas.
A Asociación Galega da Enfermidade de Dent
Nace en maio de 2021 a iniciativa dun grupo de catro familias galegas con nenos afectados por esta doenza en Lugo, Muros, Pontevedra e Brión. Coñecedores da existencia dunha investigación en marcha, e do proxecto Art for Dent en Galicia para dar visibilidade a esta doenza minoritaria, deciden unirse para sumar esforzos e axudar na financiación da busca de solucións. Xuntos conséguese sempre máis e tamén se obtén o apoio para afrontar as incertezas e as dúbidas que afectan como pacientes e familiares.