
A. I. Intelixencia artificial, a última proposta do ciclo de cinema sobre intelixencia artificial programado na Sede Afundación
A. I. Intelixencia artificial é a última proposta dentro do ciclo de cinema sobre intelixencia artificial que programou Afundación, a Obra Social de ABANCA, no marco da mostra internacional interactiva «AI: More than Human». Un proxecto expositivo, que chega por primeira vez a España e o fai nun momento no que este campo cobra un relevo máis significativo para Galicia, se cabe, coa flamante elección de A Coruña como Sede da Axencia Europea de Intelixencia Artificial. Poderá visitarse na Sede Afundación ata o vindeiro 5 de febreiro. O ciclo está composto por dez películas que expoñen a relación dos seres humanos coa intelixencia artificial desde diferentes perspectivas.
A última proxección será o vindeiro luns 30 de xaneiro ás 19.00 h, A. I. Intelixencia artificial (Steven Spielberg, 2001).
Nun mundo futuro, os seres humanos conviven con sofisticados robots chamados mecas. Os sentimentos son o único que diferencian as persoas das máquinas. Pero, cando un robot neno chamado David é programado para amar, os seres humanos non están preparados para as consecuencias, e David encontrarase só nun estraño e perigoso mundo.
Este ciclo enmárcase no programa «Cultura por alimentos», unha iniciativa da Obra Social de ABANCA en favor de FESBAL. Así, o acceso a cada unha das sesións será a cambio da entrega dalgún alimento non perecedoiro que irá destinado ao banco de alimentos local. É necesario realizar unha reserva previa na web Ataquilla.com.