ABANCA e Afundación entregan a entidades sociais máis de 2300 xoguetes da súa campaña solidaria «Debuxar sorrisos»
29.12.2020. ABANCA e Afundación entregaron esta mañá un lote de 2334 xoguetes a Cáritas, Cruz Vermella, Asociación Dignidad Galicia e Fundación Madrina. Estas organizacións sociais encargaranse agora de repartilos entre familias que están a vivir momentos complicados de doce localidades diferentes de Galicia, León, Asturias, Estremadura e Madrid nas que o banco conta cunha presenza significativa.
Cáritas realizará a distribución dos agasallos na Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense, mentres que Cruz Vermella fará a repartición en Vigo, Lugo, León, Ponferrada, Oviedo e Badaxoz. En Ferrol será a Asociación Dignidad Galicia quen entregue os xoguetes aos fogares que están a atravesar dificultades, e en Madrid ocuparase desta tarefa a Fundación Madrina.
Os agasallos foron adquiridos polo banco e a súa Obra Social con parte das doazóns realizadas polos seus empregados e clientes, así como por outras empresas e persoas interesadas en colaborar, no marco da campaña solidaria do Nadal «Debuxar sorrisos», ás que despois se sumou unha achega institucional co obxectivo de que o maior número posible de nenos e nenas poidan recibir unha sorpresa o día de Reis.
A outra parte das doazóns recibidas no marco da campaña solidaria destinarase á adquisición de produtos de alimentación para a Federación Española de Bancos de Alimentos, co obxectivo de contribuír a paliar as necesidades básicas daquelas familias que se viron especialmente afectadas pola crise económica que provocou a pandemia da COVID-19.
«Debuxar sorrisos» é unha das accións solidarias postas en marcha por ABANCA e Afundación este Nadal, entre as que tamén destaca o programa de apoio social «Cubertos Nadal», que inclúe a repartición de 16 500 menús para menores vulnerables e as súas familias durante o período das vacacións escolares.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.