Afundación continúa a súa programación de artes escénicas para escolares en inglés con What Monster? en Vigo
Un total de 2856 escolares de quinto e sexto de primaria de 51 centros educativos de Vigo e bisbarra desfrutarán, da man de Afundación, de What Monster?, os días 25 e 26 (ás 10.00 e ás 12.00 h), e 27, 30 e 31 de xaneiro (ás 10.00 h), no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo.
O teatro participativo, como propón What Monster?, de On Stage Company, é unha das ferramentas máis útiles, prácticas e divertidas para aprender o inglés. Esta peza teatral narra o que podería acontecer se un monstro nos axudase a enfrontarnos a aquilo que nos arrepía, pero existe un problema: a lei dos monstros é clara, toda axuda ten un prezo! Quereriamos pagalo? Esta divertida obra de teatro articúlase a partir da participación do público, unha experiencia práctica e divertida para asimilar novos coñecementos e aprender a expresarse en inglés.