Afundación e o sector pesqueiro e marisqueiro retiran máis de 25 toneladas de refugallos co proxecto PLANCTON
O proxecto PLANCTON, impulsado desde 2021 por Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración co sector pesqueiro e marisqueiro, permitiu a retirada de máis de 25 toneladas de refugallos de areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras de Galicia. Os resultados deste programa multidisciplinar, que en 2022 celebra a súa segunda edición, déronse a coñecer hoxe nunha rolda de prensa na que participaron a presidenta da Asociación de Mariscadoras da Illa de Arousa, Inmaculada Rodríguez; a coordinadora de Sostibilidade en ABANCA, María García Cabeza; Pedro Otero, director xerente de Afundación; a coordinadora xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Institucional de Afundación, Pilar Alves; o director de ABANCA Mar, Javier Fraga; e Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTON.
O material audiovisual da rolda de prensa está dispoñible aquí.
Esta iniciativa, destinada a fomentar a conservación e sostibilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar, especialmente nas Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño de Galicia, dentro da Rede Natura 2000, foi posible un ano máis grazas á colaboración de preto de 700 persoas voluntarias de ABANCA e Afundación, así como de distintos colectivos do sector pesqueiro e marisqueiro e outras entidades que participaron directamente nas diferentes xornadas de limpeza en fondos e costas. Pedro Otero, director xerente de Afundación subliñou que «a creación de actividades como esta permítenos a cada unha das organizacións participantes achegar a nosa experiencia e o noso coñecemento nas moi diversas áreas que abarcamos, para conseguir uns obxectivos de elevado beneficio social. Así, por parte de Afundación poñemos os nosos recursos á disposición dun proxecto no que o respecto ambiental é o eixe estratéxico para un avance social sostible e igualitario asentado na conservación activa do territorio, convencidos de que a sostibilidade é a garantía dun futuro de respecto e igualdade».
Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Mariscadoras da Illa de Arousa, Inmaculada Rodríguez incidiu, en representación das distintas entidades participantes, en que «a colaboración con PLANCTON está sendo moi frutífera. Estamos moi contentas cos seus resultados e, para nós, supuxo unha gran vantaxe de cara a manter as praias limpas e adecuadas tanto para a actividade marisqueira e pesqueira, como a de lecer. Precisamos da continuidade deste tipo de actuacións, de programas, para podermos consolidar a concienciación colectiva arredor dun contorno coidado e respectado por todas e por todos, tamén no que a nós, as traballadoras e os traballadores do mar concirne, xa que moitos dos refugallos son restos procedentes da nosa propia actividade».
Así mesmo, María García Cabeza, coordinadora de Sostibilidade de ABANCA, destacou que «PLANCTON é un programa cun grande impacto, por iso nos sentimos moi orgullosos de todos os logros acadados. No caso de ABANCA, a nosa participación permítenos avanzar no noso obxectivo de promover un modelo económico sostible e respectuoso co medio ambiente, xa que, entre os nosos compromisos, se encontra tamén a protección da biodiversidade ante os efectos nocivos derivados do cambio climático».
Deste xeito, o proxecto PLANCTON, enmarcado na estratexia de sostibilidade de ABANCA e Afundación e das súas actividades de voluntariado ambiental, foi un ano máis un gran eixe vertebrador de distintos axentes, 25 en total, entre os que figuran entidades do sector pesqueiro, como as confrarías de pescadores e asociacións de mariscadoras, asociacións do terceiro sector como Bata, Con Eles ou ASPANANE, concellos, escolares, persoas socias dos espazos +60 de Afundación, o Grupo Naturalista Hábitat ou o Parque Nacional dás Illas Atlánticas, alcanzando, así, un grande impacto en sectores sociais diversos. A iniciativa foi recoñecida, así mesmo, pola Xunta de Galicia co Premio Especial Economía Azul pola súa «importante relevancia para o conxunto do sector, especialmente na protección do medio ambiente».
Os principais puntos de actuación das 12 limpezas realizadas en 2022, sete en areais e cinco en fondos mariños foron: o Illote Guidoiro Areoso, na ría de Arousa, Viveiro, O Grove, Cambados, Barrañán e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia; tanto na Illa de Sálvora, como as Cíes ou Cortegada. A nadadora Ona Carbonell, medallista olímpica e embaixadora da Obra Social e Educación Financeira de CECA, sumouse ás tarefas de limpeza neste último enclave. Por primeira vez, o programa estendeuse fóra de Galicia, realizando unha actividade de limpeza de microplásticos na praia de Zarautz, en Guipúscoa.
Ademais da retirada de refugallos, a través do proxecto PLANCTON desenvolvéronse campañas específicas co obxectivo de concienciar sobre a importancia de compatibilizar as actividades relacionadas co turismo, coa conservación da contorna. Así, durante o verán púxose en marcha a campaña «Goza da praia sen deixar pegada», para impulsar boas prácticas nas praias con zonas dedicadas ao marisqueo. Con idénticos fins, realizouse un vídeo para poñer en valor o Illote Areoso, un enclave situado no corazón da Illa de Arousa con importantes valores ambientais, arqueolóxicos e económicos, entre outros.
Con ese mesmo obxectivo de espertar unha conciencia sostible na sociedade en xeral, desenvolvéronse distintas actividades de sensibilización e formación sobre o valor intrínseco da biodiversidade e da súa conservación e a súa sostibilidade económica e, como continuación da serie audiovisual «Mulleres de mar», que ten como fin visibilizar o papel das mulleres no sector da pesca, gravouse un novo capítulo dedicado, nesta ocasión, ás directivas.
Como peche do proxecto, esta tarde terá lugar unha xornada divulgativa na Sede de Afundación de Pontevedra na que se presentarán estes resultados aos colectivos participantes e representantes do sector.