Afundación e a Xunta convidan a descubrir «Santiago de Compostela no tempo»
03.06.2022. O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o director xerente de Afundación, a Obra Social ABANCA, Pedro Otero, inauguraron esta mañá na Sede Afundación «Santiago de Compostela no tempo», a exposición que nos convida a descubrir a identidade e herdanza cultural da capital galega a través dunha escolma de cen pezas que narran un apaixonante e poliédrico relato sobre a orixe, historia e evolución desta cidade, así como do seu universo de costumes, relacións e vivencias.
As imaxes están dispoñibles aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1ql3ECJ7b_jM8-AFG1s9hO_htbTyFSuB6?usp=sharing
Comisariada por Manuel Gago e instalada na Sede de Afundación en Santiago, «Santiago de Compostela no tempo» é a primeira das sete mostras que constitúen o proxecto «Cidades no tempo», unha das principais iniciativas culturais do Xacobeo 2021-2022 e tamén un dos proxectos expositivos máis complexos desenvolvidos en Galicia nos últimos anos. Baixo este nome reúnense sete exposicións, unha por cada unha das principais cidades galegas. Todas reivindican a Galicia urbana.
«Santiago de Compostela no tempo», que poderá visitarse ata o 10 de setembro de xeito gratuíto na Sede de Afundación na capital galega, está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, Obra Social ABANCA. Xunto ao comisario, o proxecto contou coa coordinación de Xosé Ramón Lema Bendaña, historiador e antigo Xefe do Negociado de Mantemento de Fondos Bibliográficos na Universidade de Santiago.
A mostra achega obras de arte únicas, incluíndo pezas procedentes do estranxeiro, obxectos históricos icónicos, vídeos, fotografías, gravacións ou documentación antiga que desvela claves sobre a vida desta cidade; pezas, todas elas, que se completan cunha dimensión multimedia e que nos presentan a configuración de Santiago a partir dos seus grandes polos: o Goberno galego, a universidade e a catedral, que fan de Compostela a meta do Camiño e un dos destinos culturais máis relevantes de Europa.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que se trata «dunha oportunidade única para que a veciñanza, pero tamén os turistas e visitantes, descubran Santiago a través dos relatos das pezas tan especiais que nos presenta a mostra».
Do mesmo xeito, destacou a «orixinalidade dunha proposta que nos permite comprender como se viviu e conviviu ao longo do tempo e ata a actualidade na capital galega e que nos leva ao encontro de tesouros históricos, a miúdo complicados de contemplar».
O director xerente de Afundación, Pedro Otero, mostrou a súa satisfacción por que a sede desta institución en Santiago acolla unha mostra que «permite contemplar con claridade o pouso cultural e educativo que determinou desde o inicio o carácter da capital de Galicia». «Esta cidade foi un receptáculo das novas propostas en ámbitos moi diversos do coñecemento e que actuou de catalizador cara ao resto do territorio», destacou.
Pola súa, banda, Manuel Gago, comisario da exposición, explicou a súa intención de «facer desta mostra algo diferente, de maneira que o público, a través dunha experiencia multimedia, se sinta parte dela e poida interactuar coas pezas, explorando a historia que se narra a través delas».
Percorrendo as súas seccións (Mitos e Orixes, Tramas, Escenarios ou Cidade narrada), o comisario explicou que a mostra nos mergulla na «herdanza cultural» de Compostela e o fai convidándonos a emprender unha viaxe creada a partir de perspectivas procedentes de eidos do coñecemento diferentes (Historia, Arte, Urbanismo, Socioloxía...), pero tamén escoitando as voces dos seus habitantes.
Cen pezas, cen historias
«Santiago de Compostela no tempo» ofrécenos a ocasión de contemplar obxectos únicos, a miúdo de difícil accesibilidade para o público, entre os que destaca o Libro de horas de Fernando I (1055), posiblemente, o libro máis antigo conservado en Galicia, custodiado en cámara acoirazada pola Universidade de Santiago e que hai vinte anos que non se expón ao público.
Tamén pertencente a esta institución académica, pódese contemplar a campá da universidade (1600) que, en tempos, funcionou a modo de reloxo da vida estudantil, e que nunha cidade tan rica en arquitectura relixiosa representa unha das poucas campás laicas.
Nas vitrinas atopamos dous relicarios (do séculos XI e XIX), pezas internacionais procedentes de Bélxica, testemuño do traslado dun pequeno fragmento das reliquias do apóstolo a Liexa en 1056. Xunto a elas, un dos obxectos máis representativos das primeiras etapas da ciencia arqueolóxica galega: o baleirado en xeso do petróglifo de Conxo (1935), reprodución realizada por Ramón Sobrino Buhigas.
Ademais, o visitante descubrirá documentos antigos, como planos orixinais de edificios emblemáticos que teñen que ver con ámbitos esenciais para a vida da cidade, como a educación, así como co deseño de servizos como a rede de subministración de auga e luz ou a chegada do tren.
Mesas interactivas
A proposta preséntase como unha clara intención de somerxer de pleno ao visitante na cidade a través de dúas mesas interactivas nas que poderán explorar os elementos da exposición e incluso retarse a recoñecer algunhas das imaxes características da estética compostelá, que se presentan no epígrafe Padróns. Ademais, poderase achegar á vida de Santiago a través dos relatos da propia veciñanza.
Xunto ao comisario, o proxecto contou co asesoramento de expertos como Miguel Pazos Otón, doutor en Xeografía; Cristina Sánchez-Carretero, antropóloga e científica titular do Instituto de Ciencias de Patrimonio (Incipit) do CSIC; e Xaquín Núñez Sabarís, doutor en Filoloxía Hispánica.
O colector de «Cultura por alimentos» continúa habilitado na Sede Afundación de Santiago para todas aquelas persoas que desexen contribuír co banco de alimentos local, doando produtos non perecedoiros.
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA