José Antonio Marina falará no «Foro UIE. Sociedade e economía» sobre a sociedade da aprendizaxe
José Antonio Marina participará no Foro UIE de Sociedade e Economía o vindeiro martes, 9 de maio, ás 19.00 h na Sede Afundación A Coruña. O catedrático de filosofía, escritor, pedagogo e investigador, falará sobre «A sociedade da aprendizaxe» A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo, con posibilidade de facer previa reserva AQUÍ.
Marina falará aos asistentes ao encontro acerca da importancia de realizar un «acordo nacional para a sociedade da aprendizaxe». A proposta deste acordo, desde o seu punto de vista, senta as súas bases na Lei Universal da Aprendizaxe, que recolle: «Toda persoa, institución, empresa ou sociedade para sobrevivir necesita aprender á mesma velocidade á que cambia a contorna; e se quere progresar, a máis velocidade». Para o filósofo, «o nonato pacto educativo – que sempre se viu en realidade como un “pacto escolar” – ha quedado desfasado, co que é necesario un acordo máis potente que implique á sociedade enteira».
Na súa conferencia, Marina tratará «un dos problemas endémicos que temos no sistema educativo en España, que se move en compartimentos estancos: o ensino primario non se fala coa secundaria, esta con a universidade, a universidade co mundo laboral, a formación profesional navega como pode, e non temos sistemas organizados de reciclaxe e actualización do coñecemento».
Imaxes na seguinte ligazón.
JOSÉ ANTONIO MARINA
José Antonio Marina é filósofo, escritor e pedagogo, director da Cátedra Universidad Antonio Nebrija sobre Intelixencia Executiva e Educación, presidente da Fundación Educativa Universidad de Padres e director do Centro de Estudios en Innovación y Dinámicas Educativas (CEIDE). Ao longo da súa traxectoria profesional recibiu numerosos galardóns, como o Premio Nacional de Ensayo, o Premio Anagrama de Ensayo, o premio Giner de los Ríos de Innovación Educativa, o premio ao Xornalismo Independente Camilo José Cela, o premio Juan de Borbón ao mellor libro do ano ou a Medalla de Oro de Castilla-La Mancha. En canto ao seu labor investigador, esta centrouse na elaboración dunha teoría da intelixencia que comece na neuroloxía e termine na ética. Así mesmo, o seu interese pola filosofía práctica levouno a emprender diferentes proxectos educativos, sociais e empresariais, como o movemento Mobilización educativa. Mariña é tamén membro do Comité Científico da Fundación Alcohol y Sociedad e é mentor da área de Filosofía del talento e Educación para el talento do Human Age Institute de Manpower Group.
FORO UIE DE SOCIEDADE E ECONOMÍA
O Foro UIE de Sociedade e Economía nace como unha proposta de debate e reflexión sobre os retos, desafíos e riscos do contexto económico e social actuais. A programación inclúe conferencias e debates de expertos nacionais e internacionais en ámbitos como as novas tecnoloxías, a industria 4.0, a intelixencia artificial e a robótica, a sostibilidade e os novos modelos económicos, os problemas e retos sociais que implican todos os cambios estruturais actuais, os cambios de paradigma, a xeración de valor por parte das empresas ou a súa gobernanza, entre outros. O foro aborda, nun contexto de revolución do intanxible e contorna volátil, novas fórmulas como a economía circular, a economía prateada ou a gig economy e os desafíos aos que nos enfrontamos como sociedade.