A Xunta e Afundación pechan a mostra «Ferrol no tempo» con máis de 7000 visitantes
A exposición «Ferrol no tempo», organizada pola Xunta de Galicia, a través da Cidade da Cultura, e por Afundación, pechou as súas portas o pasado sábado na sede da Obra Social de ABANCA, superando os 7000 visitantes. A mostra, inaugurada o 18 de novembro, reuniu 115 pezas entre obras de arte, fotografías, documentos e mapas históricos e obxectos ateigados de simbolismo, construíndo un relato único sobre a historia dunha urbe que embarcou Galicia na modernidade.
Comisariada por Manuel Gago, director da plataforma culturagalega.gal, e co asesoramento do investigador especializado na historia de Ferrol, Guillermo Llorca, a exposición fixo un percorrido polo Ferrol naval, obreiro e ilustrado, do que puideron gozar 7130 persoas. Destas, 308 participaron nas visitas guiadas organizadas cos comisarios, e 1100 corresponden ás actividades didácticas para centros educativos.
Ademais, a mostra complementouse con diversas iniciativas que contribuíron a espertar o interese pola evolución histórica da cidade. Entre estas propostas, realizouse unha visita con xente con vínculos con algunhas das pezas exhibidas, como foi o caso, por exemplo, das netas de Ángela Ruiz Robles, inventora da enciclopedia mecánica, que puido observarse nunha das vitrinas da exposición. A maior parte das persoas que participaron nesta proposta eran socias do Espazo +60 Afundación Ferrol. O pasado sábado tivo lugar unha última visita a modo de clausura na que tomou parte ao completo o comité asesor local da mostra, formado por expertos en distintas disciplinas.
Esta exposición é parte do proxecto expositivo «Cidades no tempo», que contempla unha mostra para cada unha das sete principais urbes galegas, poñendo en valor a identidade urbana de Galicia. Tras Santiago e Ferrol, en marzo será a quenda de Lugo.