Mauro Guillén, catedrático da Wharton School da Universidade de Pensilvania, en IESIDE sen muros
14.05.2020. Mauro Guillén, catedrático de Dirección Internacional da Empresa e de Socioloxía na Wharton School, da Universidade de Pensilvania, ofrecerá mañá venres 15 de maio ás 19.00 h, o seu relatorio «Cara a un novo escenario: o mundo económico e empresarial tras a pandemia». A proposta enmárcase na iniciativa IESIDE sen muros, promovida polo Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa, institución de Afundación, a Obra Social de ABANCA, na que participan expertos de recoñecido prestixio nacional e internacional, quen imparten sesións virtuais gratuítas en vivo e en directo a través de conferencias, presentacións e entrevistas. A inscrición para esta sesión pódese formalizar aquí.
Son moitas as cuestións que a sociedade se reformula sobre como será o novo contorno tras a pandemia que estamos vivindo. Cales son as implicacións económicas e sociais da COVID-19 no curto e longo prazo? Como cambiarán o seu comportamento as empresas, os traballadores e os consumidores? É posible encontrar novos equilibrios entre salvar vidas e salvar os medios de vida? Nesta live session, Mauro F. Guillén baséase nas mellores investigacións dispoñibles para botar luz sobre os debates de política pública e anticipar os grandes cambios que a pandemia traerá á economía e á sociedade.
A próxima sesión en directo en IESIDE sen muros terá lugar o martes 19 de maio, ás 19.00 h, con Andrés Fernández, CEO do Grupo Zendal, no marco da serie de conferencias «Economía e empresa en tempos de COVID», moderadas por Lalo García de HubIn. As inscricións pódense formalizar aquí.
Os contidos destes relatorios maxistrais abordan diferentes ámbitos de interese xeral e profesional, vinculados ao contexto provocado pola crise da COVID-19. «O noso obxectivo é xerar ideas e proxectos de utilidade para a comunidade académica, profesionais de diversos sectores ou empresarios, entre outros, para afrontar a nova conxuntura social e económica», subliña Miguel Ángel Escotet, reitor presidente de IESIDE e presidente de Afundación. «Con este proxecto -incide o profesor- reforzamos o noso programa de extensión universitaria dixital: unha universidade sen muros que pon á disposición da sociedade aquelas actividades que poidan ser de utilidade para a comunidade académica e profesional, nacional e internacional».
As sesións, que se poderán seguir en directo en Afundación en casa, terán un carácter interactivo, abrindo unha canle de participación ao público, e complétanse cun programa específico dirixido á comunidade de estudantes de IESIDE.
CLASES INTERACTIVAS, EN REMOTO E ONLINE
IESIDE imparte desde o 12 de marzo, todas as súas clases en modalidade a distancia utilizando sistemas remotos e formación dixital a través do seu Campus Virtual. A avanzada tecnoloxía da plataforma online do instituto universitario, recentemente desenvolvida e implementada, permitiu que, unha vez tomada a decisión como medida de prevención e responsabilidade, de interromper todas as clases presenciais, en 12 horas a plataforma estivese dispoñible para conducir as sesións de todos os programas de forma dixital e por vídeo sincrónico de modo que os estudantes reciben a formación interactiva nos seus propios domicilios, coa mesma calidade que en modalidade presencial, mantendo así o habitual ritmo de traballo académico.
Ao longo destes anos fomentouse en IESIDE a innovación a través da transformación dixital, o que o posicionou á cabeza na aplicación de modelos de ensino mixto personalizado permitindo obter o nivel TI Avanzado Tipo 2 establecido pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE Universidades Españolas), que só acadan o 3,79 % dos centros universitarios nacionais.