
UIE celebrou esta tarde o acto de graduación dos estudantes dos programas de posgrao de IESIDE
O Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela acolleu esta tarde a cerimonia de entrega de 125 títulos de posgraduado aos estudantes das promocións 2020-2021 e 2021-2022 dos programas de Executive Education: Master in Business Administration (MBA), Digital Management, Dirección Financeira e International Business, que marcan a transición de IESIDE á Universidad Intercontinental da Empresa (UIE). Os estudantes que obtiveron as distintas titulacións recibiron os seus diplomas de man do secretario xeral de UIE, Pedro Otero; Susana Sánchez, directora xeral de Parfois e madriña das promocións de posgraduados; a presidenta de Alumni UIE, Carlota Sánchez-Montaña; e o vicesecretario xeral de UIE, José Luis Vilanova.
Pedro Otero, como secretario xeral de UIE, foi o encargado de abrir a cerimonia, cunha mensaxe aos novos graduados a quen trasladou o profundo recoñecemento da universidade «polo voso traballo duro, a vosa ilusión e perseveranza. Do mesmo xeito que vós, estamos convencidos de que potenciar a formación da sociedade é o camiño cara ao progreso, e este é o obxectivo que polo traballamos tamén agora, en UIE, a primeira universidade privada de Galicia cara á que evolucionou IESIDE, e na cal ofrecemos unha formación de primeiro nivel, con vocación de servizo público, baseándonos na innovación e a internacionalización».
Así mesmo, o secretario xeral de UIE felicitou aos graduados e trasladoulles a aspiración de que «cos vosos talentos e capacidades, sexades un reflexo do impulso innovador que promovemos, antes en IESIDE, e agora, en UIE».
As imaxes están dispoñibles na seguinte ligazón.
UNHA UNIVERSIDADE DE VANGARDA E SERVIZO PÚBLICO
UIE iniciou a súa andadura o 1 de setembro de 2022 con catro graos: Enxeñería en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Administración e Dirección de Empresas, e Enxeñería da Empresa, que se imparten simultaneamente nos campus da Coruña e Vigo. Á oferta de titulacións universitarias súmase o máster en Dirección e Administración de Empresas (MBA) así como un amplo catálogo de educación executiva.
UIE suma máis de tres décadas de experiencia formando os directivos das empresas de Galicia, cunha actualización continuada para dar resposta ás necesidades das empresas galegas e os seus profesionais. Partindo de que cada etapa profesional require desenvolver competencias específicas, a lifelong learning aplícase en todos os programas da área Executive Education: Exponential Executive MBA, Executive Masters e Executive Programs para seguir contribuíndo ao desenvolvemento de profesionais con experiencia.
UIE é unha universidade de vangarda, privada e de servizo público, sen ánimo de lucro e comprometida co desenvolvemento sostible da sociedade, da cultura e da economía galega. Como un proxecto estratéxico de responsabilidade social corporativa e institucional de ABANCA e Afundación, financiada exclusivamente cos seus propios recursos, os rendementos de UIE reinvestiranse completamente na institución. Así mesmo, UIE destina a bolsas ata o 15 % dos seus ingresos anuais, dando prioridade a persoas con talento que teñan un baixo nivel de renda.