
Último mes para presentarse ao I Premio Internacional Afundación de Investigación Educativa
Afundación, a Obra Social de ABANCA, convoca a primeira edición do seu Premio Internacional de Investigación Educativa, cuxo prazo de presentación de candidaturas entra no seu último mes, cunha dotación de 12 000 euros e de carácter bienal, que asume como obxectivo recoñecer a traxectoria de persoas destacadas polas súas achegas á investigación en educación en calquera dos seus niveis, dimensións ou modalidades.
Tal e como se recolle nas súas bases, poden optar ao premio exclusivamente persoas físicas que non poden presentarse a título individual, senón que deben ser propostas por entidades ou organizacións. Este galardón créase en consonancia co carácter educativo de Afundación e a súa vontade de impulsar a educación tamén como materia científica capaz de contribuír moi significativamente ao desenvolvemento das persoas e os pobos e co fomento do pensamento na práctica educativa en todos os seus niveis e modalidades, tanto formais como non formais.
O prazo de presentación de solicitudes, que comezou o 1 de outubro de 2021, rematará o vindeiro 28 de febreiro. A resolución do Premio Internacional Afundación de Investigación Educativa corresponderá a o xurado, composto por cinco destacadas personalidades do ámbito educativo. Unha vez finalizado o prazo de recepción de candidaturas e analizadas as mesmas, a resolución do premio darase a coñecer en xuño de 2023 e entregarase nos meses seguintes nun acto público.
Para a valoración teranse en conta, entre outros, a traxectoria docente, a publicación de libros e monografías en editoriais de prestixio e de artigos en revistas cientificamente acreditadas así como a dirección e participación en investigacións relevantes, a organización de congresos e seminarios de relevancia internacional ou outro tipo de premios recibidos. A persoa galardoada en cada edición deberá, segundo recóllese nas bases, realizar un traballo sobre o seu ámbito de especialización.