ÁLVAREZ DE SOTOMAYOR
Álvarez de Sotomayor y Zaragoza, Fernando
( Ferrol, 25 de septiembre de 1875 - Madrid, 17 de marzo de 1960 )
Biografía
A morte temperá do seu pai lévao a deixar Ferrol na súa infancia para estudar no Colexio de El Escorial a partir de 1885. Entre 1887 e 1891 vivirá en Toledo; alí aprenderá as primeiras leccións dun pintor afeccionado, José Gutiérrez. Despois, xa en Madrid, será discípulo de Manuel Domínguez. Emancípase como pintor en 1897; será un tempo no que Sorolla servirá para el de referente.
Fernando Álvarez de Sotomayor y Zaragoza recibe unha pensión en 1899 da Academia Española de Belas Artes en Roma. En 1900 viaxa desde alí a París. En 1901 desprázase ao sur de Italia, concretamente a Nápoles e Pompeia. En 1903 viaxa a Brugge, A Haia e Ámsterdam; aí concrétase o seu interese pola obra de Rubens, Rembrandt e Hals.
En 1904 está de volta en Madrid e ao ano seguinte volve a Galicia. Co regreso vai atopar unha liña temática coa que se vai identificar. Algo que se vai fortalecer co seu matrimonio, na Coruña, ao ano seguinte. En 1907 recibe a Primeira Medalla na Primeira Exposición Internacional de Barcelona e tamén, nese ano, consegue a Primeira Medalla na Exposición de Bos Aires.
Xa en 1908 —no que se fai acredor da Medalla de Ouro nas Exposicións Internacionais de München, Bos Aires e Liexa— trasladarase a Santiago de Chile onde estará ata 1915, ano no que volve a Madrid. En Chile será profesor de composición e colorido na súa Escola Superior de Belas Artes da que foi director entre 1911 e 1915.
A súa relevancia como pintor levarao a ser, primeiro, subdirector do Museo do Prado, ano 1919, e, xa en 1922, o seu director, ata 1931 e, nunha seguinte etapa, entre 1939 e 1960. Desde esa posición a súa pintura non vai ser allea ao que tal museo garda e, por exemplo, a influencia na súa obra de Velázquez, resulta evidente. Estamos ante un pintor ao que cabe cualificar de conservador, académico e de gran formación en canto a coñecemento tanto de pintores de categoría universal coma de recursos técnicos.
Cultivou —sobre todo, na súa xuventude— o tema mitolóxico. Tamén realizou motivos relixiosos, paisaxes e bodegóns. Ademais ocupouse do retrato, asunto no que, en ocasións, se comportou como pintor de cámara e realizou retratos de caza e outros de carácter familiar. Pero foi, ademais, o pintor das xentes de Galicia. Así plasmou nos seus cadros a persoas anónimas.
Pero, sobre todo, tivo unha gran veta de éxito, na súa produción artística, cando a súa pintura tivo a Galicia como escenario e tema; de aí que teñamos que valoralo como un pintor rexionalista. É posuidor dunha ollada idealista e ennobrecedora do ser de todo un pobo, ao mesmo tempo que capta a luz galaica desde un maxisterio indubidable.
A colección Afundación conta con oito retratos, realizados entre 1902 e 1945, ademais dunha vista de A dársena da Coruña, realizada contra 1916 e Mozo lendo, unha escena de xénero de 1950.
José Manuel García Iglesias
Bibliografía
CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.
CONTRERAS, J. (Marqués de Lozoya): Sotomayor, Edic. Cultura Hispánica, Madrid, 1948.
CHAMOSO LAMAS, M.: "Arte" en Galicia, Fundación March, Edit. Noguer., Barcelona, 1976.
FILGUEIRA VALVERDE, J.: Pintores ferrolanos, Deputación da Coruña, A Coruña, 1980.
GAYA NUÑO, J. A.: La pintura española del siglo XX, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1970.
PABLOS, F.: Pintores gallegos del Novecientos, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1981.
PANTORBA, B. de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes celebradas en España, Jesús Ramón García Rama Edit., Madrid, 1980.
SÁNCHEZ CANTÓN, F. J.: Fernando Alvarez de Sotomayor. Edic. Estades, Madrid, 1961.
Obra
-
Dama leyendo junto a una ventana 1926
-
Mujer vasca, Bermeo 1902
-
Dársena de La Coruña 1916
-
Retrato de caballero 1945