• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

ARQUÍMEDES ARTAL

Artal Moreno, Arquímedes

( Zaragoza, 1968 )

Biografía

Nacido nunha familia de pintores (os seus pais, Fernando Artal, minucioso realista, excepcional coñecedor do oficio, pedagogo destacado, e a súa nai, María José Moreno) trasládase a Vigo en 1976. Inmediatamente destaca polas súas condicións plásticas e a partir dos seis anos gaña máis dunha ducia de concursos infantís de debuxo e pintura. En 1984 consegue o primeiro do Certame Xuvenil de Artes Plásticas da Xunta de Galicia, e ó ano seguinte o de pintura no mesmo concurso, tras ser seleccionado no de Artistas Noveis auspiciado por Caixavigo. Participa e gaña premios noutros concursos, e en 1987 inicia a carreira de Belas Artes na facultade de Salamanca, onde en 1988 realiza a súa primeira exposición, na sala Unamuno. A carreira proséguea na facultade de Sevilla, onde participa nunha colectiva da universidade hispalense. A súa primeira exposición importante preséntaa no Club Financeiro de Madrid, en 1989. Segue participando en colectivas destacadas en diversas cidades españolas. En 1992 conclúe a súa carreira coas máximas cualificacións. Ó ano seguinte gaña o premio Ademar Champagnat en Vigo e expón de novo en Sevilla e noutras cidades de Andalucía. En Vigo, a súa primeira exposición individual realízaa na galería Alameda, en 1996. Posteriormente leva a cabo un taller de pintura no centro penitenciario de Sevilla, e expón, co seu irmán Arístides, na Galería Albermale, de Londres. Simultaneamente coa súa formación plástica levou a cabo a musical, que incide, sen dúbida, no seu concepto clásico. Estudiou nos conservatorios de Vigo, Salamanca e Sevilla, flauta de pico, travesera barroca e viola de gamba. Participou en cursos de interpretación de música barroca e romántica e en concertos con eminentes intérpretes e conxuntos. Actualmente é membro do Ludicus Consort e Tahona Consort. O mundo plástico de Arquímedes Artal é realista e romántico a un tempo. Evocador e testemuñal, trascendendo o anecdótico a categoría, como pedía o mestre Eugenio d=Ors, e ademais de modo inquedante. Fragmentos arquitectónicos ou arqueolóxicos, recunchos nos que se inscriben paisaxes con xardíns de olvidanza, ó modo juanramoniano. Todo, pedras, vexetais, obxectos, seres, semellan vivir, latexar, impoñerse, aínda que parezan como cubertos pola pátina que lles dá o tempo. En interiores e escenas domésticas, cunha referencia que podería ser López García, con quen seguiu recentemente un curso en Andalucía, instálanse relevos da Roma clásica. Edificios de época imprecisable, con ventanais enreixados e tapiados, amosan pegadas de degradación. Tallas sobre columnas, dunha catedral indeterminable, están envoltas en redes de restauración que pronto floreceron en espigas. O miguelangelesco ten rostros vivos e actuais. Os seus bodegóns, con obxectos cotiáns e humildes, individualizan e resaltan esas cousas, que chegan a ser únicas, e maiusculizadas no seu anonimato lóxico. Na paisaxe, Artal é igualmente preciso, pero nas naturezas que representa, de minuciosidade absoluta, inscríbese un detalle sorprendente, insólito. E nos seus retratos o rostro do retratado está completo e pormenorizado, coma se se reflectise nun espello máxico. Evidentemente, xunto ó modo de expresión realista hai non pouco de surrealismo, de onirismo razoado tralo soño, desde un concepto intelectivo, harmónico, musical, romántico, no mellor concepto deste movemento estético, moi anterior á súa máxima proxección, no século XIX. Porque na pintura de Arquímedes Artal todo é deliberadamente paradóxico, ó insuflar vida ó inerte, ou cando menos inanimado, e ó facer que o vivo semelle morto e de pronto enfatizado Ama non [email protected], que se diría nunha linguaxe musical. Se Goya afirmou que o soño da razón produce monstros, en Artal ese soño cobra ou recrea esquecementos, ou causa sorpresas e destaca pormenores que a visión habitualmente fugaz a penas apreciaría nesa realidade imaxinaria que é toda a súa pintura. A pedra renacentista ou plateresca, a salmantina, arenisca dourada, mera materia inerte, con figuras acéfalas polo tempo e a incuria, recupera cabezas, rostros que nunca tivo, pero que son de hoxe, non de hai varios séculos, ou se documenta en etiquetas sen texto cunha lectura que se apresura o espectador a redactar. Sabia pintura, meditada, primorosamente executada, con referencias en López García, en Naranjo e en Zacarías González, acaso, pero tamén moi persoal, inconfundible, sen estridencias, deliberadamente axordada ata no cromatismo.

Bibliografía

Colección Ademar Champagnat. Catálogo. Xunta de Galicia. 1996.

Arte XXI. Mecenazgo artístico. Madrid, 1995.

Obra

  • No es lo que parece

    No es lo que parece 1994

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78