SERAFIN AVENDAÑO
Avendaño Martínez, Serafín Joaquín
( Vigo, Pontevedra, 2 de agosto de 1837 - Valladolid, 23 de agosto de 1916 )
Biografía
A paisaxe é o tema dominante na obra dun dos mellores creadores da arte galega do século XIX: Serafín Avendaño, pintor vigués formado en Madrid con Jenaro Pérez Villaamil e Antonio Esquivel, é dicir, en presupostos románticos. Foi alumno da Academia de Belas Artes de San Fernando e bolseiro na Academia de Roma en 1861. Compartiu recoñecemento como receptor dunha pensión co seu amigo Martín Rico.
Avendaño é un artista de gran calidade, cunha captación inicial da natureza a medio camiño entre a concepción romántica e o realismo preimpresionista (Paisaxe de outono, ca. 1863-1866), a quen Manuel Murguía lle dedicou páxinas notables no volume Los Precursores (1886). Pintor cosmopolita, viaxou por Gran Bretaña, Francia e Suíza e viviu nos Estados Unidos (1859-1861) e logo en Italia —en Liguria e na súa capital Xénova—, onde reside de 1866 a 1891. En Italia consolidouse como un artista de gran prestixio, amigo do gran compositor Giuseppe Verdi e membro da chamada Scuola Grigia (Escola Gris), un fenómeno renovador da pintura de paisaxe no norte do país transalpino de carácter naturalista e antiacadémico. Neste ambiente comparte actividade con pintores como o italiano Ernesto Rayper ou o portugués Alfredo de Andrade.
Xa en Galicia, a onde regresa nos anos finais do século, presenta as paisaxes rurais e urbanas do sur do país e axuda a crear a nova pintura galega de paisaxe dinamizada polo presenza humana, que terá un dos motivos recorrentes na Ribeira do Berbés da súa cidade natal; neste ambiente tamén aparecerán escenas de moderno lecer gabando as belezas da terra e melancólicas e frescas captacións do mundo rural, de brillante execución, de xeito que reflicte as variacións tonais. Moitos destes motivos vai levalos á ilustración gráfica, onde salientan as súas colaboracións para a revista madrileña Blanco y Negro.
En Serafín Avendaño apreciamos as dúas versións dominantes nunha parte da pintura galega que constituirán motivos recorrentes durante décadas: a paisaxe a partir dunha captación naturalista preocupada polos pormenores e pola luz (Paisaxe con casas e barcos, 1907) e as escenas de costumes, decote inseridas nun contexto de labores cotiáns (Paisaxe con gansos, 1895) ou festivo (Paisaxe con galega, 1891). Nas escenas costumistas utiliza a tradición e os caracteres singulares coa finalidade de concibir escenas típicas e pintorescas, seguindo o ronsel doutros pintores europeos e americanos, con ese gusto polo sinxelo e popular, afastado da industrialización. No noso artista obsérvase unha asunción do realismo, mais sempre matizada, como ocorre en moita arte europea a partir de mediados do século XIX. Equilibra a captación directa da realidade con certa idealización e co mantemento dun fondo romántico. O resultado é unha pintura de notable calidade, en certo sentido produto dun ollar compracido, que quere captar a realidade mais que non pode agachar a subxectividade e mesmo aspectos do ideal e que reflicte a emoción psicolóxica do artista perante a natureza ou perante o seu propio soño.
Carlos L. Bernárdez
Bibliografía
Murguía, Manuel: Los precursores. A Coruña, 1886.
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
Lafuente Ferrari, Enrique: Breve historia de la pintura española. Madrid, Edit. Tecnos. 1953.
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
Alvarez Blázquez, José María: La ciudad y los días. Edic. Monterrey. Vigo, 1960.
Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña, Fundación Barrié de la maza, 1981.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Caamaño Fdez. Rosa E.: Serafín Avendaño. Tesis doctoral e textos no catálogo da exposición antolóxica. Vigo, Caixavigo, 1991.
VV. AA.: Vigo en su historia. Vigo, Caixavigo, 1979.
Arias Anglés, Enrique: La pintura de paisaje en España en el siglo XIX.
Cousuelo Bouzas: La pintura gallega. A Coruña, Porto, 1950.
Obra
-
Paisaje con casa y barcos 1907
-
Paisaje de otoño 1863
-
Paisaje con gansos 1895
-
Paisaje con gallega 1891