TEODOMIRO AVENDAÑO
Avendaño Martínez, Teodomiro
( Vigo, 1840 - Londres, 1913 )
Biografía
Teodomiro Avendaño é un autor do que se teñen escasas referencias biográficas e curriculares, aínda que si se sabe que foi o irmán menor do pintor Serafín Avendaño. Ambos se trasladarían a vivir a Madrid desde Vigo, onde Serafín se formará en paisaxe como alumno de Carlos de Haes. Os poucos apuntamentos que hai sobre Teodomiro menciónaos Manuel Murguía en Los Precursores, no que lle dedica un capítulo a Serafín no que afirma que o primeiro é afeccionado á literatura e á pintura, e chega a colaborar como ilustrador en publicacións como La Ilustración Gallega y Asturiana, na que mostrou a súa capacidade técnica co debuxo.
Na colección de Afundación consérvanse dúas acuarelas deste autor: Vista de Vigo e Nena na granxa, a primeira realizada a comezos da década dos anos 70 do XIX e a segunda a finais do mesmo decenio. A paisaxe marítima sérvelle a Avendaño para elaborar un estudo do comportamento da luz.
Coloca nun primeiro plano á esquerda masas de rochas que lle outorgan perspectiva á composición, mentres que a parte dereita e superior se ocupan por un mar tranquilo sobre o que se pousan gaivotas e sobre o que flotan tres pequenas embarcacións que aluden á presenza humana. O ceo, resolto en tons agrisados, confúndese co fondo, nunha atmosfera brumosa que unifica o resultado final.
Pola súa parte, en Nena na granxa recrea unha idealizada escena campestre. Nela sitúa nun primeiro plano unha pequena elegantemente vestida, no medio dun campo, rodeada de ovellas e un cabalo. No plano medio érguese unha casa, que recorda as tipoloxías rurais de distintas zonas europeas, que coa cheminea fumegante lle indica ao espectador que está habitada, mentres que unhas altas árbores situadas en último plano, cuxas copas se recortan sobre o ceo, pechan a composición. Destacan a arquitectura e a escena principal, que se desenvolven na parte esquerda da superficie compositiva, Crea un punto de fuga, que axuda a afondar na perspectiva, entre a vexetación na parte dereita da obra pola que se coa a luz dun ceo no que contrastan nubes e claros.
Bibliografía
Murguía, Manuel: Los precursores. A Coruña, 1886.
Alvarez Blázquez, José María: La ciudad y los días. Vigo, Edic. Monterrey. 1960.