JORGE CASTILLO
Castillo Casalderrey, Jorge
( Pontevedra, 16 de junio de 1933 )
Biografía
A pesar de nacer en Pontevedra, Jorge Castillo viviría a súa infancia en Arxentina, país ao que emigrou o seu pai. Será no colexio onde mostra o seu interese polo debuxo e pola escritura. A finais dos anos 40 entra no cadro de persoal da empresa estatal Industrias Metalúrgicas y Plásticas Argentinas, onde acabará formando parte da sección de deseño. Compaxina este traballo coa súa faceta artística. Así realiza paisaxes e retratos, preferentemente femininos, pero moitas veces dos seus compañeiros, tamén escribe poemas. Axiña dispoñerá do seu propio estudio nas aforas de Bos Aires e coñecerá a compatriotas como Colmeiro, Laxeiro ou Seoane.
A mediados dos anos 50 decide viaxar a Europa; visita París, onde expón a súa obra, e Madrid, onde quedará a vivir. Pasa moitas calamidades ata que comeza a representalo a galería Biosca e en 1960 e é seleccionado para participar na Bienal de São Paulo. Nas seguintes dúas décadas vivirá en cidades como Barcelona ou Berlín, ao mesmo tempo que o seu prestixio se consolida a nivel internacional. Deste xeito, participa en mostras en distintas cidades europeas e americanas.
Na década dos 80 ten a oportunidade de trasladarse ao Soho neoiorquino coa súa familia e será nos Estados Unidos onde a súa obra comece a ser reclamada polos coleccionistas, ao tempo que colabora coa Marlborough Gallery, que lle abrirá portas a organizar destacadas mostras. Será nesta cidade estadounidense onde se sitúe a sede da fundación que leva o seu nome, aínda que houbo intentos para abrir unha sucursal na súa Galicia natal, proxecto que non chegou a concretarse. O autor alternará a súa estancia nos Estados Unidos con longas tempadas en lugares como Eivisa ou Suecia, onde en 2012 produce unha serie de paisaxes de grandes dimensións na que recrea a atmosfera invernal nórdica, e Madrid, onde ten o seu estudio.
A obra de Jorge Castillo forma parte de importantes coleccións de arte como a do Carnegie Institute, San Francisco Museum of Modern Art, Guggenheim Museum ou Albertina Museum, Fundación Juan March, Museo de Belas Artes de Vitoria ou Nationalgalerie de Berlín, entre moitas.
A colección de Afundación posúe unha ampla representación da produción de Castillo, en concreto 28 exemplos, que abranguen varias décadas, que van desde os anos 60 ata os anos 90 incluídos. A produción plástica deste autor percorreu diversos estilos desde o expresionismo ao surrealismo, pasando pola abstracción, o que lle permitiu crear a súa linguaxe moi persoal cunha iconografía propia e composicións que transmiten atmosferas oníricas. Así mesmo, as obras aquí representadas abarcan técnicas como o gravado, o óleo sobre lenzo ou o óleo sobre táboa, e dannos unha idea do multifacético que é este autor, que tamén abordará a escultura ou o debuxo.
Nestas creacións aparecen os característicos fragmentos de obxectos ou figuras que se repiten unha e outra vez ao longo da súa traxectoria, que el dispón en composicións con fondos indefinidos sobre os que parecen flotar. Aparecen os seus retirados paxaros, cabezas antropomorfas, bodegóns sobre mesas inestables, froitas ou ramas, ás veces recreadas con gamas tenues de ocres, verdes ou grises e outras onde introduce amarelos, azuis e vermellos vibrantes. Tamén está representado un pallaso ou figuras humanas núas resoltas como manchas escuras nas que é imposible recoñecer trazos faciais. Así mesmo, cabe destacar a serie de paisaxes urbanas que dedicou á súa cidade de acollida, Nova York, na serie titulada Paintings of New York, cando se trasladou a ela nos 80, onde realiza un xogo compositivo resolto mediante verticais e horizontais.
Bibliografía
Brackert, Gisela: Eine neue Ära. Frankfurt, 1969.
Campoy, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.
Goerg, Charles: Jorge Castillo, obra grabada. Geneve, 1971.
Haftmaun, Erner: Castillo. Barcelona, Edic. La Polígrafa, 1977.
Jorge Castillo "Castillo", introducción al catálogo de la exposición que tuvo lugar en el "Museo do Pobo Galego, Casa da Parra e Casa da Conga en Santiago de Compostela", 1990.
Mª Lluïsa Borrás "Tempos de New York", catálogo de la exposición de Castillo, patrocinada por la Xunta de Galicia en colaboración con la Generalitat e o Ajuntamiento de Barcelona, en Santiago de Compostela, 1990.
Ratcliff, Carter: Castillo, dibujos. Barcelona, Edic., La Polígrafa, 1984.
Sepp Hiekis-Picard "Jorge Castillo, el gravador" en el catálogo de la exposición del Castillo organizada pola Xunta en colaboración con Generalitat de Cataluña y el Ayuntamiento de Barcelona, en Santiago en 1990.
Subirats, Eduardo: La flor y el cristal. Barcelona, Edic., Anthropos, 1986.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
VV. AA.: Castillo, Catálogo de las exposiciones antológicas. Barcelona. Compostela. Ayuntamiento. Xunta, 1990.