• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

COLMEIRO

Colmeiro Guimarás, Manuel

( Chapa, Silleda, Pontevedra, 7 de octubre de 1901 - Salvaterra de Miño, Pontevedra, 1 de octubre de 1999 )

Biografía

Colmeiro vive até os doce anos en San Fiz de Margaride (Silleda), logo emigra a Buenos Aires, onde xa residían os seus pais e onde se forma como artista en contacto con pintores como Demetrio Urrruchúa, compartindo unha clara vontade de afastarse do academicismo.

En 1926 regresa a Galicia e en 1928 recibe unha bolsa da Deputación de Pontevedra que lle permitirá viaxar a Madrid e Barcelona.

En 1936 exíliase, regresando a Buenos Aires onde se encontra de novo cos seus pais e con figuras relevantes da intelectualidade como Seoane, Dieste, Alberti… Na Arxentina participará do ambiente cultural xerado polos exiliados e polos intelectuais arxentinos. Realiza o mural nas Galerías Pacífico de Buenos Aires (1946) cos pintores arxentinos Berni, Spilimbergo, Urruchúa e Castagnino. A partir de fins do 1948 instálase en París, con estadías cada vez máis frecuentes en Galicia, até o seu regreso en 1986.

Colmeiro, como outros autores do movemento renovador da arte galega nado ao redor de mediados dos anos vinte (Maside, Souto, Laxeiro...), foi creando un estilo que compaxina diversas influencias internacionais cun realismo primitivista de formas sintetizadas, debedor tamén das tradicións galegas. A procura de inspiración no folclore, na cerna da vida popular e en certos aspectos do mundo labrego está marcada por un pouso de compromiso social moi intenso.

Nas súas primeiras obras utiliza unha paleta sobria, con figuras estáticas, en que se evita a individualización das faces, dotando o cadro dun aspecto escultórico. Nesta altura a súa obra evidencia o seu valor testemuñal, tratando as figuras —anónimas e populares—, como Paisaje con campesinos (1928), dun xeito que as converte en iconas.

Máis que representar labregos concretos, o que fai é crear arquetipos que reforzan o carácter social, de clase, que o pintor quere deixar claro. A intensa planimetría das obras evita calquera sombra de “enxebrismo” costumista, reforzando a mensaxe de identificación co popular, non de pura contemplación dunha escena.

As súas paisaxes son basicamente humanizadas, vividas desde a procura dunha identificación plena co medio. Somete os motivos da tradición da pintura de paisaxe galega anterior a un proceso de estilización (Ponse o sol, 1928), produto da contemplación estética da realidade,

Despois da Guerra Civil, Colmeiro constrúe unha linguaxe dun forte lirismo, en que a evocación do mundo galego é unha constante (El segador, 1945) pasando a lembranza e o soño coa terra distante a un primeiro plano. A súa pintura é unha maneira de reencontro, pero tamén un xeito de permanente análise e depuración formal, que atinxe un logrado equilibrio, como en Desnudo (1946) ou La primavera (1953).

A obra madura de Colmeiro mantén os seus principios figurativos e temáticos, que constitúen auténticas series, dos que son bos exemplos Vendedora de laranxas (1979-1981) e Pescadores (1973). Dálle unha maior primacía aos valores cromáticos e lumínicos e regresa á súa paisaxe natal e nutricia, ás fontes máis fondas das sensacións auténticas da vida.

 

Carlos L. Bernárdez

Bibliografía

BONET CORREA, A.: Manuel Colmeiro, Galaxia Edit., Vigo, 1954.

CASTRO ARINES, J.: Manuel Colmeiro. Estudio y selección de textos histórico-críticos, Dirección General de Bellas Artes y Archivos, Madrid, 1983.

COLMEIRO: paisaxe que sabe a pan, Círculo das Artes de Lugo, Lugo, 2012.

DIESTE, R.: Colmeiro: breve discurso acerca de pintura, con el ejemplo de un pintor, Emecé Editores, Buenos Aires, 1941.

FERNÁNDEZ-CID, M.: Colmeiro, Picasso, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1987.

GAYA NUÑO, J. A.: Manuel Colmeiro, Ministerio de Educación y Ciencia. Dirección General de Bellas Artes, Madrid, 1968.

HIERRO, J., Mª L. SOBRINO: Colmeiro, Atlántico Edit., A Coruña, 1981.

LEDO, X.: "25 dibujos de Colmeiro" en Grial, nº 8, Galaxia Edit., Vigo, 1965.

MANUEL Colmeiro. A pintura antes de pintar, Concello de Lalín, Lalín, 2018.

MANUEL Colmeiro 1901-1999, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2014.

Enlace páxina web do artista: http://www.manuelcolmeiro.com/

Obra

  • Pescadoras

    Pescadoras 1973

  • Desnudo

    Desnudo 1946

  • Ponse o sol

    Ponse o sol 1928

  • Sin título

    Sin título 1950

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78