• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

GOYANES

Goyanes Fernández, Antón

( Monforte de Lemos, Lugo, 1935 )

Biografía

Vive a súa infancia entre Monforte e Freituxe. Artista precoz, inscríbese antes dos dez anos na Escola de Artes e Oficios de Ourense. Posteriormente instálase en Vigo, onde traballará desde os dezasete anos no Ministerio de Obras Públicas como debuxante técnico. Tras a súa primeira exposición individual en 1969, Goyanes, de personalidade introspectiva, comeza a participar en exposicións individuais e colectivas en Galicia onde recibe o beneplácito da crítica. En 1980 participa na primeira exposición do movemento Atlántica en Baiona, ao que continuará vinculado ao longo da súa existencia. A súa actividade expositiva posterior centrarase principalmente en Galicia. Toledo será unha cidade importante na súa vida e obra, pois alí pasará algunhas tempadas debido a unha enfermidade da súa muller. Está representado nos museos de Galicia, en coleccións institucionais e en espazos públicos con obras murais, como o do paseo da Estación de Transatlánticos ou a intervención realizada nas columnas da praza de acceso ao Berbés en Vigo.

As súas pinturas máis temperás, dos anos setenta, presentan unha figuración relativa de ascendencia cubista. Con Atlántica a referencia aos obxectos convivirá cunha tendencia cara á abstracción. O expresionismo vaise incorporando progresivamente ao seu estilo e as tonalidades nos anos oitenta vólvense máis coloristas e vibrantes. A pincelada de gran soltura cada vez é máis fresca e delicada. Nesta época realiza o mencionado mural do porto de Vigo; este tipo de intervencións abundan na súa produción. A etapa de plenitude do artista encádrase entre 1983 e 1994, máis afianzado dentro do expresionismo abstracto ou nunha persoal lírica figurativa, realiza series cun motivo temático. Os seus referentes principais son grandes mestres como Van Gogh, Cézanne, Picasso, Rothko e Clifford Still. Nas súa primeiras series sérvese dunha paleta forte ás veces violenta, que evolucionará a unha máis delicada. A finais dos oitenta o soporte das súas obras será variado; chega a usar cartóns reciclados. Ao longo da súa traxectoria establece diálogos con outras artes como a arquitectura e a poesía. A partir de 1995 comeza un período de síntese no que a súa dedicación á arte é exclusiva; destaca unha actitude lúdica e unha intensa curiosidade ao explorar novas técnicas e ámbitos pictóricos.

Na Colección Afundación figuran cinco obras datadas entre mediados dos setenta e principios do século XXI. En todas está presente a delicadeza e o carácter intimista que o caracterizan. Na máis temperá, Paisaxe (1975), a referencia do natural fíltrase debido á disposición xeométrica do espazo e ao tratamento da luz nunha composición na que se aprecia a influencia do cubismo. No gravado Sen título (1984), preséntasenos unha sensual muller recostada; a distorsión de planos, a rapidez do trazo e a economía de medios achegan o espectador a esa realidade expresionista que transcende a mera representación. A cama (1984), exemplifica a súa lírica figurativa grazas á súa persoal pincelada e ás tonalidades características da súa concepción líquida da pintura. Planos superpostos azuis e grises marcan a composición da serie Constelacións (1999), sobre os que resaltan unhas pequenas “luces” amarelas, azuis e grises. A tensión que se produce entre ambos os elementos xera un particular ritmo que incrementa o lirismo da peza. En Lugar de Condide (2004) a cor, elemento fundamental en Goyanes, protagoniza unha composición intimista onde o fino fío que atravesa verticalmente a peza xunto cunha grosa liña branca equilibran con gran delicadeza a intensidade dos campos vermello e negro.

Bibliografía

ATLÁNTICA, MARCO, Vigo, 2002.

ANTÓN GOYANES, Museo Provincial de Lugo, Lugo, 2009.

ANTÓN GOYANES, Caixavigo, Vigo, 2001.

ANTÓN GOYANES, Caja Madrid, Pontevedra, 1998.

A SOMBRA do arlequín, Fundación Novacaixagalicia, Ourense, 2011.

VOCES de Atlántica, Editorial Galaxia / MARCO, Vigo, 2005.

Obra

  • La cama

    La cama 1984

  • Sin título

    Sin título 1984

  • Paisaxe

    Paisaxe 1975

  • Sin título. Serie Constelaciones

    Sin título. Serie Constelaciones 1999

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78