• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

ANTONIO HEREDERO

Heredero Guzmán, Antonio

( Madrid, 18 de mayo de 1918 - Vigo, 8 de noviembre de 2008 )

Biografía

A carreira artística de Antonio Heredero Guzmán, avogado e comandante de artillaría, comezou cando xa fixera os 50 anos e na cidade de Vigo, onde fora destinado polo seu traballo. Decidiu retomar a afección que tiña polo debuxo cando era neno e comezou a pintar, celebrando a súa primeira exposición en 1967. Tras a boa aceptación entre o público, Heredero dedícase á pintura de forma profesional, investigando a produción dos impresionistas franceses ou de mestres españois como Fortuny e Sorolla, ademais doutros artistas coetáneos como Paisa, Ceferino Olivé ou Rafael Alonso.

Aínda que con puntuais incursións no informalismo, o estilo de Heredero Guzmán é figurativo, cunha forte influencia do impresionismo. Isto propicia que a natureza sexa un recurso de inspiración inesgotable, recreando diversos enclaves rurais e costeiros, que lle permiten afondar no estudo da luz e da cor. A temática das súas obras foi moi variada: desde festas populares a vistas urbanas, pasando por bodegóns, monumentos arquitectónicos ou representacións de touros e cabalos. No entanto, pode que fose o mar o motivo que ocupa un lugar máis destacado na súa produción. Reitera nas súas obras barcos atracados en portos, gaivotas, praias, pescadores traballando ou amenceres e solpores.

Ao longo da súa carreira traballou diversas técnicas como o óleo e o acrílico, pero sentiu especial predilección pola acuarela, moito máis representada na súa produción. Precisamente nesta técnica están realizadas as sete obras presentes nesta colección. Todas datadas entre 1977 e 1990, momento no que se preocupou especialmente polo comportamento da luz sobre a auga e os efectos que provoca a chuvia sobre arquitecturas e pavimentos. Isto último obsérvase na obra titulada Charco, na que sitúa nun primeiro plano unha charca nun camiño rural sobre a que se reflicten parte dun muro, dúas nenas e o can que as acompaña.

O resto das acuarelas teñen como protagonista o ambiente marítimo e unha vez máis a incidencia da luz sobre as masas de nubes e de auga, así como as infinitas posibilidades cromáticas resultantes son os motivos sobre os que traballa en títulos como Parella, Vellos pesqueiros ou Barcos, mentres que en O barro e Pescadores mariscando participa de escenas cotiás como as de calquera vila pesqueira. A gama cromática empregada nestas obras oscila entre os azuis, grises, verdes e ocres, traballados en amplas pinceladas cunha gran variedade de tonalidades que enriquecen o resultado final. Afástase de estridencias e sempre ten o debuxo como base.

Malia comezar a súa traxectoria plástica na madureza da súa vida, Heredero Guzmán participou habitualmente en numerosas exposicións, tanto en España coma en Puerto Rico, Xapón ou os Estados Unidos. Logra recoñecemento entre o público, o que propicia que a súa obra estea presente en diversas coleccións privadas.

Bibliografía

GONZÁLEZ GARCÉS, M.: Plástica Gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.

VV. AA.: “Heredero, Antonio”, en Gran Enciclopedia Gallega, Edit. Silverio Cañada, Gijón, 1974.

Obra

  • La ola

    La ola 1988

  • Viejos pesqueros

    Viejos pesqueros 1980

  • O barro

    O barro 1980

  • Barcos

    Barcos 1977

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    [email protected]
    986 12 00 84 / 986 12 00 78