LIMÉS
Limés Ambrós, Luis
( Vigo, 1922 - 11 de octubre de 2011 )
Biografía
Extraño, fascinante, obsesionante e obsesionado pintor, que comezou serodiamente a súa andaina e de pronto desapareceu, despois duns anos de febril actividade, que espertaron o interese dalgúns intelectuais, artistas e críticos. Limés careceu de escola. Empezou a pintar porque o necesitaba e porque admiraba a Laxeiro, a quen evocaba constantemente cando o lalinés se atopaba en Arxentina. Realizou diversas exposicións individuais e acudiu a algunhas colectivas. Traballaba, ás veces, no seu establecemento de peitedado das Travesas, en Vigo. Home bo, modesto, pero coñecedor do seu talento, loitou por impor unha pintura con evidentes imperfeccións formais, mais cargada de talento e orixinalidade. Fillos do Goya das pinturas negras, os seus seres alucinados miraban ata furar ó espectador. Os seus circos pobres e ata grotescos emparentaban cos de Rouault e Celso Lagar, sen o sabe-lo vigués. As súas paisaxes eran escenas do inferno na Divina Comedia de Dante, que, probablemente, tampouco lera o pintor. O grotesco, o absurdo, o funambulesco que o caracterizan sería eloxiado, de vivir, por Ramón Gómez de la Serna; o "ludibrio do manubrio do bodobrio", que dicía o xenial escritor madrileño; pura greguería. Traballaba con betún de xudea, con purpurinas; con óleo en estado puro, en azuis, negros e brancos tristeiros. Deixou de pintar. ¡Que lástima!. Hai obra de Limés nos museos de Vigo e de Pontevedra.
Bibliografía
-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.