MAMPASO
Mampaso Bueno, Manuel
( A Coruña, 1924 - Madrid, 7 de junio de 2001 )
Biografía
Aínda que galego de nacemento, é madrileño de vida e formación xa que ós seis anos se muda á capital de España. Empeza a debuxar e a pintar nos anos da contenda civil, que ha marca-la súa vida. Ó remata-la guerra traballa para revistas universitarias e realiza decorados teatrais, faceta da súa angueira de verdadeira importancia pola creatividade que aporta. Cursou a carreira de Belas Artes na Escola de San Fernando, onde obtivo galardóns e bolsas. Viaxa a París por primeira vez en 1949, interesándose vivamente polos modos informalistas da arte do momento. O mestre Eugenio d´Ors selecciónao para o seu esixente Salón dos Once. Participa na primeira Bienal Hispanoamericana e na II Bienal de Sâo Paulo en 1955, así como na Exposición Internacional de Arte Abstracta de Santander. Traballa para o Hostal dos Reis Católicos , en Santiago, e viaxa a Arxentina. Invítano á vixesimoitava e vixesimonovena edicións da Bienal de Venecia. Vencellado dende 1961 a unha galería de Milán, a súa obra preséntase en todo o mundo. Ilustrador e debuxante prodixioso, os seus retratos a pluma, feitos a talladuras do elemento de escritura, e, sen embargo, tan meditados, son moi coñecidos pola súa frecuente aparición na revista literaria, "Ínsula", e mais no diario "ABC". Mampaso fixo importantísimos traballos rurais e participou en acontecementos de grande resonancia, coma o Pavillón español de Bruxelas, en 1958, do que foi director. Tamén lle encargaron a decoración do pavillón español da Feira Internacional de Nova York en 1964. Os seus decorados escénicos son antolóxicos atesourándose nos museos como exemplos dunha expresión persoal erguida a verdadeira categoría de arte. Tamén traballou para o cine. Está representado no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, no de Arte Abstracta de Cuenca e mais en numerosas pinacotecas de España, Europa e América. A pintura de Mampaso é un prodixio de equilibrio, de ritmo e de aparente sinxeleza. A súa condición de debuxante extraordinario permítelle compoñer con semellante firmeza que despois a cor se enseñorea dese esquema para ser un vai e vén que emborracha, coma o xogo das ondas nun mar embravecido. O tema do mar ten sido frecuente na súa pintura, aínda que nunca posúa referencias formais. A súa mancha é moi ampla, firme, dita en cores puras que van do verde ó negro, a súa grande cor, pasando por ocres, marelos e azuis violetas. É a súa unha evolución lóxica a partir de modos expresionistas aprendidos en Francia, que o poderían emparentar con Van Dongen ou con Raoul Dufy. O expresionismo abstracto de Mampaso resulta inconfundible, cunha beleza fascinadora, unicamente dito coa mancha intensa, enérxica, ben a base de xogar cunha mesma cor en infinitos tons, ben de contrastar violentamente azuis, marelo e negro.
Bibliografía
- Chavarri, Raúl: Mampaso. Madrid, Direc. Gral. del Patrimonio Artístico, 1977. -Chavarri, Raúl: La pintura española actual. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1972. -Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987. -Chamoso Lamas, Manuel: "Arte", en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976. -Gaya Nuño, Juan Antonio: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970. -Moreno Galván, Jose María: Introducción a la pintura española actual. Madrid, Pub. españolas, 1960. -Aguileira Cerni, Vicente: Panorama del nuevo arte español. Madrid, Edic. Guadarrama, 1966. -Areán, Carlos: 30 años de arte español. Madrid, Edic. Guadarrama, 1972.